Na tarde do vindeiro 22 de maio terá lugar o Achegas da Psicoloxía, un punto de encontro no que, cada ano, celebramos a nosa profesión e recoñecemos ás compañeiras e compañeiros que contribuíron a construír a historia do noso Colexio.
Nesta edición, o acto terá lugar na Casa Museo de Rosalía, en Padrón (A Matanza s/n, Padrón), ás 19:00 h. Durante a xornada, faremos entrega do Premio “Dolores Llópiz: Psicoloxía e Sociedade 2026”. Este galardón, de carácter anual, distingue a persoas, institucións ou colectivos que colaboran co desenvolvemento da psicoloxía e na mellora do benestar social. Nesta edición, o Colexio quere salientar o labor da Asociación Galega para a Defensa da Sanidade Pública na visibilización das carencias do sistema sanitario, na promoción do debate social e na reivindicación de políticas públicas que garantan unha atención digna para toda a cidadanía.
Ademais, o acto incluirá:
• A homenaxe ás persoas que cumpren 25 anos de vida colexial.
• A entrega dos V Premios de Comunicación Xoán Vicente Viqueira do COPG.
Se desexas asistir, é preciso inscribirse no correo copgalicia@copgalicia.gal antes do 15 de maio.
