Destacado

Achegas da Psicoloxía
Gala da Psicoloxía 2023

O día 19 de maio terá lugar en horario de tarde no Castelo de Soutomaior (Rial, s/n – 36691 Soutomaior, Pontevedra) a Gala da Psicoloxía Galega 2023, no que faremos entrega do Premio “Dolores Llópiz: Psicoloxía e Sociedade 2023”, galardón creado para distinguir á persoa, institución ou asociación que teña contribuído ao desenvolvemento da nosa profesión. A Xunta de Goberno do COPG acordou outorgar o premio nesta edición á Plataforma de Organizacións de Infancia de Galicia (POIG), polo seu compromiso coa infancia e a adolescencia da nosa comunidade, prestando especial atención a aqueles que sofren discriminación, desamparo ou se atopan en risco de exclusión social.

Farase entrega, así mesmo, do recoñecemento á Colexiada de Honra, que nesta ocasión a Asemblea Xeral de Colexiados e Colexiadas do COPG acordou conceder a Mª Teresa Hermida Pérez, co que se pretende significar a súa entrega extraordinaria tanto á nosa institución como ao desenvolvemento da profesión.

Ademais, terá lugar a entrega dun novo recoñecemento a aqueles/as psicólogos/as que contribuíron á profesión desde os seus inicios e que tiveron como áncora a colaboración coa profesión, canalizada en numerosas ocasións a través do desenvolvemento do noso Colexio e en defensa da profesión. Tamén se efectuará un recoñecemento aos compañeiros e compañeiras que levan 25 anos de vida colexial, así como a entrega dos II Premios de Comunicación Xoán Vicente Viqueira do COPG.

Ao remate do acto compartiremos un aperitivo. Por motivos organizativos, cómpre comunicar a asistencia no correo copgalicia@copgalicia.gal antes do día 5 de maio.

Spread the love