Grupos

Aberta a inscrición para o I Congreso de Psicoloxía das Emerxencias

Xa está aberta a inscrición para o I Congreso Nacional de Psicoloxía de Emerxencias “Sostendo emocións nas emerxencias” que organiza do Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia os días 2, 3  e 4 de maio de 2024 en Santiago de Compostela. Toda a información e as inscricións poden realizarse en icongresonacionalpsicoloxiaemerxencias.copgalicia.gal

Foron moitos meses de intenso traballo para o Comité Organizador confeccionando un programa, que está practicamente pechado. As persoas asistentes poderán achegarse á intervención psicolóxica profesional nas emerxencias desde múltiples prismas. Xa está confirmado un amplo panel de psicólogos e psicólogas expertas para tratar cuestións concretas, como a pandemia, o autocoidado, os accidentes de tráfico, as grandes emerxencias, a violencia machista, os conflitos internacionais, o suicidio, o terrorismo; o impacto en distintos perfís como menorespoboación vulnerablepersoas con discapacidade ou os propios equipos intervinientes; e tamén con relatorios sobre este ámbito de intervención profesional dun modo máis global, do camiño percorrido e dos retos e desafíos no futuro.

Desde o Comité Organizador aseguran que a intención é promover unha maior visibilidade da psicoloxía nas situacións de crise, compartindo a experiencia e os coñecementos de recoñecidos profesionais expertos e expertas en Psicoloxía nas Emerxencias que participarán ao longo destes tres días. Para o COPG, como entidade promotora, consideramos que este congreso será unha excelente ocasión tamén para sensibilizar sobre o valor da atención psicolóxica en situacións de emerxencias e a necesidade de contar con profesionais especializados neste ámbito.

Está en vigor un desconto pola inscrición adiantada e as prazas son limitadas, tanto na opción presencial (Facultade de Psicoloxía da Universidade de Santiago de Compostela) como por streaming. Durante os tres días haberá unha intensa actividade cun atractivo programa científico co que se pretende abordar a importancia da intervención psicolóxica nas emerxencias para axudar ás persoas e comunidades a facer fronte para integrar o impacto dunha situación crítica nas súas vidas, promovendo a resiliencia.

Spread the love