A quinta edición dos Premios Xoán Vicente Viqueira, que convoca o Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia, xa ten gañadoras. A psicóloga Rosa Cerqueiro Landín foi recoñecida co galardón na categoría de Comunicación polo seu artigo «O control das baixas laborais como opción política sanitaria», publicado en Nós Diario. Na categoría de Xornalismo, o xurado escolleu a reportaxe «Cuando la sensación de vacío se cronifica, así es la distimia: “Veo a otra gente feliz y yo siempre estoy mal”», da xornalista Cinthya Martínez, publicada en La Voz de Galicia – La voz de la Salud.
O xurado destacou, no caso do traballo de Rosa Cerqueiro, a súa análise crítica das políticas de control das baixas laborais, poñendo o foco nas súas implicacións para a saúde mental e sinalando como determinadas decisións institucionais poden condicionar o benestar psicolóxico da poboación desde unha perspectiva estrutural e sanitaria, facendo fincapé nas listaxes de espera para unha primeira consulta e a dificultade para poder dar un tratamento adecuado en tempo e frecuencia aos problemas de saúde mental.
En canto á peza de Cinthya Martínez, valorouse a súa capacidade para abordar o sufrimento emocional sostido no tempo a través dun relato en primeira persoa, achegando ao público unha realidade como a distimia e visibilizando o impacto que teñen factores sociais como a incomprensión, o estigma ou as dificultades de acceso á atención psicolóxica.
Ademais, o xurado decidiu outorgar unha mención especial na categoría de Comunicación ao artigo de Gema Zunzunegui Lamas «Para conectar-nos», publicado en Praza Pública, pola súa reflexión sobre a soidade non desexada como fenómeno social de grande impacto na saúde mental, así como pola súa defensa dos vínculos e da interdependencia como elementos clave para o benestar individual e colectivo.
Na categoría de Xornalismo, a mención especial recaeu na reportaxe «Burnout maternal: madres agotadas y al límite», de Alba Prada, publicada en El Correo Gallego, que aborda o esgotamento físico e emocional das nais derivado da sobrecarga de coidados, contextualizándoo en factores estruturais como a falta de apoio social, a presión de xénero e as elevadas expectativas sobre a maternidade.
Os premios están dotados con 2.000 euros en cadansúa categoría. A entrega dos galardóns realizarase proximamente na Casa de Rosalía de Castro, en Padrón, no marco do acto institucional Achegas da Psicoloxía.
O premio
Esta é a quinta edición dos Premios Xoán Vicente Viqueira, creados polo COPG en colaboración coa aseguradora Brokers’99, para homenaxear a un dos maiores referentes da historia da psicoloxía en Galicia. Vicente Viqueira foi un psicólogo e filósofo galego cunha gran preocupación sobre o ensino da psicoloxía, chegando a deseñar un plan de desenvolvemento desta ciencia tras coñecer o modelo alemán. A súa precoz morte impediu que puidese profundar nese impulso á psicoloxía no noso país, que sempre tivo presente. Alén, Viqueira trasladaba as súas inquedanzas sociais no xornal A Nosa Terra, por exemplo, en relación á modernización e á galeguización do ensino.
Tomando o seu exemplo como científico e comunicador, o obxectivo destes Premios é recoñecer o labor divulgativo da psicoloxía nos medios de comunicación, primando a ética, a responsabilidade e as boas prácticas ao tempo que se desmenten pseudociencias e pseudoterapias. Así, o Premio de Comunicación pretende recompensar aos psicólogos e psicólogas colexiadas no COPG que colaboren de forma frecuente e continuada cos medios de comunicación co obxectivo de divulgar a profesión na sociedade desde o rigor, a ética e a vocación de servizo público. O Premio Xornalístico está dirixido a xornalistas que publicasen algún traballo en relación coa psicoloxía seguindo estas mesmas consideracións.
