A xornalista Ana G. Liste e a psicóloga Victoria Canosa resultaron as gañadoras en cadansúa categoría da primeira edición dos Premios de Comunicación Xoán Vicente Viqueira que convoca o Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia, en colaboración coa aseguradora Brokers’88. Así mesmo, o xurado fixo mención da xornalista Selina Otero así como da psicóloga Manuela del Palacio. A entrega terá lugar o 20 de maio ás 18 horas no Pazo de Rianxiño, en Rianxo, no marco do acto Achegas da Psicoloxía, que organiza a corporación colexial desde 2009.
O xurado, constituído por membros do Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia e representación do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, destacou na categoría de do premio xornalístico a reportaxe de Ana G. Liste publicada no xornal online Praza “O impacto da tensión familiar pola COVID na infancia, o reto pendente para despois da pandemia”, pola súa abordaxe do impacto psicolóxico na poboación máis nova da pandemia, recorrendo a fontes expertas para expoñer a necesidade de recursos. Así mesmo, estimou outorgar unha mención á entrevista “Cuando alguien tenga ideas de suicidio que acuda al médico, que no espere”, publicada por Selina Otero no Faro de Vigo, a profesionais da Unidade de Prevención do Suicidio de Vigo, poñendo en valor o papel da psicoloxía e deste tipo de dispositivos para previr este grave problema de saúde pública.
Na categoría do premio de Comunicación, o xurado estimou o blog “Nunca es tarde para sentirse mejor” como a proposta gañadora, presentada pola psicóloga Victoria Canosa, un traballo continuado de divulgación da psicoloxía, de promoción da saúde, desde a responsabilidade e a vocación de servizo público. Tamén acordou destacar a candidatura de Manuela del Palacio, destacando a entrevista emitida na Radio Galega “A orientadora Manuela del Palacio salienta a necesidade de ensinar aos cativos a seren resilientes”, polo seu exemplo divulgando o papel da Psicoloxía Educativa e os seus beneficios no coidado da saúde mental dos máis novos.
O xurado destacou a alta calidade das propostas presentadas, que foron un total de 21 traballos en distintos formatos e recollendo as distintas perspectivas da profesión publicados ao longo de 2021. Os Premios de Comunicación Xoán Vicente Viqueira son unha iniciativa coa que pretende recoñecer o labor divulgativo da Psicoloxía nos medios de comunicación social. De acordo coas bases, están contempladas dúas categorías, dotadas con 2.000 euros cada unha delas.
O Premio Xornalístico do COPG valora a contribución de xornalistas á divulgación da Psicoloxía e da profesión na sociedade a través dos medios de comunicación, mentres que o Premio de Comunicación distingue a aqueles psicólogos e psicólogas colexiadas do Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia que colaboren de forma frecuente e continuada cos medios de comunicación co obxectivo de divulgar a profesión da Psicoloxía na sociedade, desde o rigor, a ética e a vocación de servizo público.
O xurado estivo presidido pola decana do COPG, Mª Rosa Álvarez Prada, e constituído por Ángel Palomino, xerente de Brokers’88; Alejandra Fernández Rodríguez, vicesecretaria e coordinadora da Comisión para a Defensa da Profesión do COPG; José Manuel Oreiro Blanco, vogal de publicacións do COPG; Concepción Rodríguez Pérez, coordinadora da Comisión de Cultura do COPG; Moncho Paz, membro do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia; e Eliana Martíns, responsable de Comunicación do COPG.
Xornalista viguesa do 90. Licenciada en Ciencias da Información na Universidad Complutense de Madrid, Máster en Periodismo na Universitat de Barcelona e diploma de xornalismo avanzado pola Columbia Journalism School. Ten traballado nas redaccións de Faro de Vigo, El País, Europa Press e Nós Diario, entre outros. Na actualidade traballa para o xornal Praza.gal e a revista Vinte. Vogal na Xunta de Goberno do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia e membro da asociación Xornalistas Galegas.
Xornalista. Licenciada en Ciencias da Información pola USC, con vinte anos de experiencia en medios de comunicación (especialmente prensa escrita) e gabinetes institucionais. Desde 2009 escribe en Faro de Vigo, con publicación tamén en La Opinión de A Coruña), especialmente das áreas de Educación e Sociedade, temas vinculados ao benestar emocional e de interese humano.
Profesional autónoma como psicóloga sanitaria desde hai 20 anos exercendo en Ourense. Con experiencia previa en distintos ámbitos sociosanitarios.
Psicóloga educativa e orientadora no IES San Tomé de Freixeiro (Vigo).