Seccións

Alegacións contra o Anteproxecto de Orde polo que se establece a figura da persoa Coordinadora de Benestar e Convivencia nos centros docentes de Galicia.

O pasado mes de xuño, a Sección de Psicoloxía Educativa do Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia, elaborou un documento co gallo da presentación dunha serie de alegacións contra o Anteproxecto de Orde da Consellería de Cultura, Educación e Universidade da Xunta de Galicia, pola que se establece a figura da persoa Coordinadora de Benestar e Convivencia nos centros docentes de Galicia, manifestando así o seu desacordo polos seguintes motivos:

– En dita orde establécese que a persoa coordinadora de Benestar e Convivencia será designada pola dirección do centro entre o profesorado do claustro, o que abre a posibilidade de que sexa asumida por persoas sen a formación e competencias necesarias.

– Sinálase que poderá ter asignadas ata «dúas sesións das complementarias fixas» para a realización das súas funcións, tempo claramente insuficiente para realizar de forma eficiente ditas funcións.

– Establece as funcións atribuídas á persoa coordinadora, enumerando unha serie de tarefas que supoñerían unha sobrecarga de responsabilidades que dificultaría que puideran atender axeitadamente a todas as áreas.

– Moitas das funcións solápanse coas do Departamento de Orientación do centro. O rol da persoa coordinadora resulta ambiguo e confuso e supón unha falta de consideración cara á figura do/a orientador/a.

– Os obxectivos e funcións especidicamente encomendados á figura do/a Coordinador/a de Benestar e Convivencia, destacan como algúns dos eidos esenciais que debe atender, o diagnóstico, a prevención e a intervención, o cal supón que para exercer axeitadamente en ditos eidos debe dispoñer de coñecementos da Psicoloxía. Polo tanto, habería que esixir o grao en Psicoloxía para o/a Coordinador/a de Benestar e Convivencia, xa que os psicólogos e psicólogas educativas son os profesionais indicados para este cometido.

-De cara á mellora do benestar emocional e a convivencia na comunidade educativa no seu conxunto, cómpre considerar a atención e o apoio ao profesorado, polo que o/a Coordinador/a debería contar coa formación e dispoñibilidade horaria para poder ofrecer dito apoio a todos os membros da comunidade educativa.

-En definitiva, a figura do/a Coordinador/a de Benestar Emocional e Convivencia sen os recursos, formación e experiencia necesarios, semella ser unha solución transitoria, que non aborda en profundidade nin resolve definitivamente as necesidades reais da comunidade educativa.

Spread the love