Seccións

A reclamación de morrer con dignidade e benestar protagoniza a inauguración das XXVIII Xornadas de Psicoloxía e Saúde do COPG

A decana do Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia, Mª Rosa Álvarez, reclamou esta mañá a importancia de “morrer con dignidade e benestar” na inauguración das XXVIII Xornadas de Psicoloxía e Saúde en Nigrán, que organiza a entidade na que analiza esta cuestión desde ámbitos como o suicidio, a eutanasia, a morte perinatal ou os coidades paliativos. Tamén destacou o anuncio da chegada da Psicoloxía Clínica á Atención Primaria realizado polo presidente da Xunta no último Debate sobre o Estado da Autonomía, se ben se mantivo prudente ao ser «un anuncio sen prazas nin prazos» para unha das reivindicacións históricas do COPG.

O alcalde de Nigrán, Juan González, deu a benvida ao concello do Val Miñor aos máis de 130 psicólogos e psicólogas do ámbito de saúde que participan no evento e recoñeceu o carácter “esencial para a sociedade” que ten a psicoloxía. O presidente da Sección de Psicoloxía e Saúde, Xacobe Abel Fernández, quixo poñer énfase no legado histórico deste encontro científico-profesional que constitúe unha referencia para a reciclaxe e actualización de coñecementos na psicoloxía. Así foi a intención do Comité Organizador, representado pola súa presidenta, Paula Cid Gutiérrez, que sinalou a escolla “dun tema vital para as persoas, como é a morte” sobre o que cómpre reflexionar con naturalidade para mellorar a intervención profesional.

Mañá, 11 de novembro, remata esta edición das Xornadas que comezaron o xoves 9, organizadas polo Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia. As Xornadas da Sección de Psicoloxía e Saúde son o encontro científico-profesional de maior antigüidade organizado polo COPG, desde as primeiras celebradas en 1996, que buscan promover o intercambio de experiencias e coñecementos desta área entre o colectivo profesional da psicoloxía e da saúde, así como promover a actualización científico-técnica en materias específicas. Esta iniciativa vai dirixida a psicólogas e psicólogos colexiados; estudantes de psicoloxía e outros/as profesionais interesados na temática a tratar.

Spread the love
Mesa inaugural. De esquerda a dereita: Paula Cid, presidenta do Comité Organizador; Mª Rosa Álvarez, decana do COPG; Juan González, alcalde do Concello de Nigrán; Xacobe A. Fernández, presidente da Sección de Psicoloxía e Saúde do COPG.