Desde o Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia, reafirmamos o noso compromiso coa cultura da paz, o diálogo e os dereitos humanos. A nosa profesión ten como fundamento o respecto á dignidade das persoas e á convivencia baseada na xustiza e na humanidade compartida, e por iso non podemos ser alleos ás violencias que se cometen no mundo.
O vindeiro luns 30 de marzo conmemórase o Día da Terra Palestina, co que se pretende denunciar a limpeza étnica, o espolio das súas terras e o réxime de exclusión ao que está sometida a súa poboación. Desde o Colexio de Psicoloxía sumámonos a denunciar os crimes atroces que se están cometendo contra a poboación civil de Gaza en particular, e de Palestina en xeral, un xenocidio ao que non podemos permanecer alleos.
Só desde a humanidade, a defensa do dereito internacional, a solidariedade entre os pobos, a cultura baseada na paz, a cooperación e o respecto mutuo poderemos avanzar cara a un mundo máis xusto, sexa en Gaza, en Ucraína, no Líbano, en Irán, en Iraq, en Afganistán, en Venezuela ou en Cuba; onde queira que sexa.
É importante manifestar isto, porque como Colexio profesional de Psicoloxía, temos unha responsabilidade e un compromiso social, cunha mirada que non pode ser allea ao que está a pasar no resto do mundo, e lexitimamos este compromiso a través da Asemblea Xeral de Colexiados e Colexiadas do COPG, que representa a máis de 4000 psicólogos e psicólogas.
(Texto lido pola decana do COPG, Mª Rosa Álvarez Prada, na Asemblea Xeral de Colexiados e Colexiadas do COPG o 26 de marzo de 2026).
