Grupos

«A psicoloxía é unha peza imprescindible en materia de condución: o factor humano é o protagonista do armazón viario»

Este sábado 30 de abril, o Grupo de Psicoloxía do Tráfico e da Seguridade do COPG organiza unha sesión formativa sobre a valoración, as restricións e as adaptacións dentro das avaliacións que se realizan nos centros de recoñecemento.


Na Facultade de Psicoloxía da Universidade de Santiago de Compostela terán a oportunidade de coñecer a experiencia da psicóloga Mª Rosario Sanz Bara e a médica Marta Ozcoidival, que exercen nun centro de recoñecemento en Huesca. Mª Rosario Sanz Bara tamén exerce na Asociación Ibón para intervencións psicoeducativas con penados por delitos de tráfico e foi  coordinadora do Grupo de Tráfico e da Seguridade do Colegio Profesional de Psicología de Aragón, mentres que Marta Ozcoidival é vogal de Formación da Sociedade Española de Medicina de Tráfico. A continuación, realizan un adianto do que será a sesión formativa e reflexionan sobre o determinante papel da psicoloxía na condución.

– Que agarda ás psicólogas e psicólogos que asistirán á formación?

Na sesión formativa abordaremos os aspectos de valoración psicolóxica e de discapacidade motora de condutores e usuarios dos centros de recoñecemento. Os e as profesionais da Psicoloxía coñecerán as modificacións españolas e europeas das normativas en materia de discapacidade motora e outras afeccións. A relación da psicoloxía, as enfermidades e as actividades de risco, como a condución, é inevitable. As psicólogas e psicólogos debemos estar permanentemente actualizados.

A valoración psicolóxica na determinación da aptitude para conducir é moito máis que complementaria á valoración médica. O médico ten a responsabilidade de comprobar aspectos físicos medibles: capacidade sensorial (a visual e a auditiva) e as capacidades motoras (mobilidade, forza, resistencia…). As capacidades cognitivas son esenciais na actividade de conducir e son de responsabilidade do profesional de psicoloxía.

– Como profesionais que exercedes nun centro de recoñecemento, como se percibe este ámbito de intervención?

Os centros de recoñecemento neste  momento son lugares onde se fai unha revisión de saúde a unha parte importante da poboación. Condutores, tenentes de armas, persoal de seguridade privada, condutores de embarcacións ou guindastristas traballadores da construción, deben realizar periodicamente unha revisión psicolóxica e médica para continuar coas súas actividades nas mellores condicións.

A Psicoloxía do Tráfico e a Seguridade é cada vez máis visible para a sociedade. As persoas que atendemos a diario nos centros recoñecen os beneficios da actuación do psicólogo ou da psicóloga, tanto polas melloras de saúde como pola diminución do número de vítimas de accidente, cada día. A psicoloxía do tráfico debe afianzarse mediante formación, para poder afrontar o reto das valoracións que requiran maior esforzo profesional como o que excede a medición das variables psicomotoras.


– Cales son os principais retos para continuar mellorando nas valoracións?

Estes dous anos de pandemia que levamos cambiaron a perspectiva das persoas. Non só cambiaron os hábitos laborais e de relación, senón que se modificou a apreciación da enfermidade mental dando un maior valor ao benestar emocional. A Psicoloxía ten a oportunidade de ofrecer a súa actuación en calquera das áreas nas que intervén. Canta maior sexa a súa capacidade de acción, mellores serán os resultados que obteña.

Conducir é unha actividade da vida diaria instrumentalizada e asumida por condutores e condutoras con e sen problemas de saúde mental e física, como unha actividade máis. Os condutores e condutoras con afectacións psicofísicas requiren certo control en favor da seguridade viaria. A detección e seguimento mediante limitacións e restricións á condución favorece a convivencia dos usuarios das vías e os riscos evitables.

Un dos retos da psicoloxía do tráfico é afrontar desde unha perspectiva actual de grandes cambios sociais, con importante diversidade racial e cultural unha prevención de risco viario capaz de chegar a influír sobre os diferentes aspectos actitudinais da poboación actual.

– Está suficientemente contemplado o factor psicolóxico na condución? Queda traballo por facer con administracións e cidadanía?

A psicoloxía é unha peza imprescindible en materia de condución. O factor humano é o protagonista do armazón viario. Sen unha adecuada funcionalidade psicolóxica non é posible conducir nin levar a cabo outras actividades de risco. O ou a profesional da psicoloxía é a figura adecuada para avaliar esta situación. Os cidadáns son cada vez máis conscientes da importancia da revisión psicolóxica cando deben obter ou renovar o seu permiso de conducir.

Tamén as administracións constátano na medida que fan cada vez máis presente a figura da psicóloga ou psicólogo, nos regulamentos e normativas actuais.

Está suficientemente contemplado o factor psicolóxico na condución? Queda traballo por facer cos profesionais que se dedican á psicoloxía e á medicina de tráfico. A formación adecuada e actualizada debe motivar aos encargados de valorar a aptitude dos condutores e condutoras para poder realizar o seu traballo co obxectivo final de conter o risco viario.

– Malia o habitual manexo das restricións e adaptacións, cómpre continuar formándose neste eido? 

A formación continuada é fundamental para seguir crecendo en efectividade profesional. Coñecer, investigar e actualizarse é mellorar as competencias persoais. Non pode ser doutra maneira para dar un mellor servizo á sociedade.

Spread the love
Mª Rosario Sanz Bara