Seccións

«A principal dificultade ao inicio é a falta dunha boa formación práctica e dunha supervisión»

Nos últimos tempos, produciuse unha incorporación moi alta de profesionais da Psicoloxía no eido sanitario. Ante este aumento de dispositivos, a Sección de Psicoloxía e Saúde do COPG organizou o curso “Psicoloxía Sanitaria: empezar ben”, co que proporcionar unhas nocións básicas para facilitar unha atención de calidade e segura aos/ás pacientes. A inscrición está aberta ata o 29 de setembro.

Tras unha aproximación aos erros legais máis frecuentes por parte da avogada Cecilia Barros, asesora xurídica do COPG, a psicóloga clínica Cristina Veira Ramos impartirá un módulo sobre como evitar os abandonos en psicoterapia. Licenciada en Psicoloxía pola Universidade de Santiago de Compostela e Máster en Terapia Familiar e de Sistemas pola Universidade de Sevilla, Cristina Veira é tamén docente en múltiples cursos e é coordinadora de grupos de supervisión de casos en liña, e deixounos un adianto sobre o que vai tratar neste curso.

 

– Desde a túa traxectoria profesional, como ves o ámbito que ides tratar no curso, o inicio da actividade profesional?

Durante a carreira e o máster hai moi pouca formación práctica, e a que hai, está máis orientada a técnicas e avaliacións. Fálase moito de que hai que establecer unha boa alianza terapéutica ou da importancia do enganche pero non explican como facelo. Se un aprende a previr situacións complicadas e a mellorar a alianza cos seus pacientes, conseguirá ter menos abandonos, menos casos que non melloran e dará máis altas.

– Pola túa propia experiencia, como é o inicio da actividade profesional, que dificultades hai para «empezar ben»?

O meu inicio foi bo porque sempre estiven supervisada e acompañada.

Empecei observando, daquela entrevistando eu mentres a miña supervisora observaba e logo mediante supervisión indirecta.

O que vexo é que as persoas que saen do máster non pasan por este proceso, empezan sós desde o principio e iso pode levar a cometer erros e a ter moitas inseguridades. Esta é a principal dificultade, a falta dunha boa formación práctica e dunha supervisión.

Cando empezas a ver os teus pacientes, daste de conta de que non todo é como din os manuais e que hai moitas situacións nas que non sabes que facer ou como reaccionar.

– Que pode conducir aos abandonos en psicoterapia?

Unha chea de razóns, algunhas inevitables e outras que se poden previr. Por exemplo, que non hai acordos nos obxectivos da terapia, ou que as tarefas que expón a psicóloga non se axustan ao que a paciente quere, que a paciente non fai caso ou que non hai mellorías e con todo non se cambia a liña de tratamento.

– Contas cunha ampla experiencia en supervisión. Que supón a supervisión de casos para os/as profesionais da psicoloxía?

A supervisión, sobre todo, o que achega é seguridade. Non é o mesmo traballar sen rede que con ela. Poder contar con alguén experto que te pode guiar con algún caso, ou ter un espazo onde expor as túas dúbidas ten o efecto que logo ti, cando te pos diante dun paciente, tes máis seguridade, máis sensación de “saber o que estás a facer”.

Tamén axuda a ventilar a nivel emocional algún caso que foi especialmente duro, a reflexionar sobre os erros cometidos e a obrigarte a reflexionar sobre o teu propio traballo para poder melloralo.

Spread the love
Cristina Veira Ramos, docente do curso "Psicoloxía sanitaria: empezar ben"