Seccións

«A presenza de psicólogas e psicólogos nos centros educativos segue a ser desgraciadamente residual»
Antonio Rial Boubeta

Antonio Rial Boubeta, Doutor en Psicoloxía e Profesor Titular no Departamento de Psicoloxía Social, Básica e Metodoloxía na Facultade de Psicoloxía da Universidade de Santiago de Compostela, impartirá o 27 de abril, xunto con José Antonio Luengo, a Xornada «Psicoloxía na escola xa», organizada pola Sección de Psicoloxía Educativa do COPG.

 

1. En que consiste as sesión formativa que se vai impartir? Que vai a contribuír aos psicólogos e psicólogas no seu exercicio profesional?

O relatorio está plantexada cun triple obxectivo:

Dunha banda, pretende convidar aos asistentes a unha refexión colectiva, seria e profunda acerca dalgunhas das necesidades mais acuciantes que afectan á poboación infanto-xuvenil nestes momentos, que teñen que ver co eido da psicoloxía e que teñen nos centros educativos un magnífico escenario de oportunidade. Estamos a falar sobre todo de problemas de tipo emocional e de saúde mental (nomeadamente o aumento das taxas de depresión e de ideación suicida), problemas de convivencia (con porcentaxes cada vez maiores de acoso escolar e ciberacoso) e de problemas que teñen que ver coas adiccións, en especial ás novas adiccións sen sustancia, relacionadas sobre todo co uso abusivo da tecnoloxía. Apoiándonos en datos recentes e obxectivos, tentaremos caracterizar a situación actual e os grandes desafíos que supón, reivindicando o papel da psicoloxía a tal respecto e, asemade, a necesidade de investir na prevención, na detección e intervención precoz.

En segundo lugar, pretende servir como elemento visibilizador e reforzador do traballo desenvolvido nos últimos anos polos profesionais da psicoloxía en Galicia, pero lonxe da autocomplacencia, pretende motivar e dar un novo pulo, para afrontar os novos retos e desafíos.

Por último, como non podería ser doutra maneira, o relatorio pretende ser un exercicio de compromiso social coa profesión, tentando abertamente comprometer dende a evidencia científica ás institucións na planificación, o deseño e implantación de novas estratexias e na inversión sostida de recursos, reivindicado o protagonismo que as e os profesionais da psicoloxía deben necesariamente ter nos centros educativos.

 

2. Desde a túa traxectoria profesional, en que situación se atopa este ámbito de actuación da Psicoloxía?

A pesares de toda a evidencia dispoñible, das acuciantes necesidades (que medran ano tras ano), a presenza de psicólogas e psicólogos nos centros educativos segue a ser desgraciadamente residual, cun protagonismo e un labor “de facto” moi por debaixo do que deberá ter. En materia de detección e intervención precoz nas problemáticas sinaladas vivimos aínda nun plano claramente utópico. Este novo enfoque baseado no popular modelo SBIRT (Screening , Brief Intervention and Referral to Treatment), amplamente contrastado a nivel internacional tanto a nivel sociosanitario como educativo, que ten dado mostra da súa eficacia e rendibilidade (por cada euro investido poden chegar a aforrarse entre 4 e 6 euros), segue sendo un gran descoñecido, sobre todo para os responsables institucionais.

 

3. Que necesidades emocionais son as máis comúns que se atopan hoxe en día no alumnado dos centros educativos?

Non cabe dúbida que os cambios sociais experimentados nos últimos tempos fan que a infancia e adolescencia presenten, se cadra, unha complexidade maior que en xeracións anteriores. Non é ningún tópico dicir que ser adolescente a día de hoxe é especialmente complicado, porque así é. O uso intensivo e globalizado das redes sociais, o imperio do selfie e a tiranía de instagram, os constantes e ás veces inconsistentes cambios no modelo educativo, na maneira de entender, de ser e de vivir mesmamente das familias… os novos modelos aspiracionais que propoñemos como sociedade (onde cada vez mais cativos queren ser gamers e influencers), a falla dunha educación afectivo sexual sólida e coherente… todo elo deriva en carencias moi serias a nivel emocional das nosas fillas e fillos, ás que perversamente lles estamos impoñendo a obriga de ser felices, sen proporcionarlles a folla de ruta para elo, nin as competencias ou habilidades para ser quen de xestionar as súas propias emocións. Non é causal que teñamos as taxas de consumo de ansiolíticos que temos, nin de novas adiccións, nin de acoso escolar, ou mesmo de violencia filioparental. O que non podemos facer en ningún caso e demonizar á propia mocidade.

 

4. Por que é tan necesario aumentar os recursos nos centros de ensino?

Os centros educativos constitúen o gran escenario de oportunidade para previr todo este tipo de problemáticas, fundamentalmente porque son o medio natural onde pasan a maior parte do tempo cada día, onde medran a todos os niveis, se expresan, se socializan e onde viven, en definitiva. Non podo pensar nun lugar máis idóneo para traballar. Iso non quita que non teñamos e traballar tamén coas familias, pero estas (como parte inherente da comunidade educativa) deben ser incorporadas de xeito obrigado e intelixente no traballo cos centros.

 

5.  Por que recomendaría continuar formándose nesta materia?

Ben certo é que ás áreas ou eidos onde a psicoloxía debe estar presente son innumerables, o eido educativo, polas razóns sinaladas, posiblemente sexa o que pode ter un potencial e unha urxencia maior. Os aspectos emocionais e relacionais do desenvolvemento dunha persoa, a educación en valores, competencias humanas e habilidades de vida están a ser moitas veces esquecidos polo propio sistema educativo, cegado a miúdo polo desempeño académico máis que por formar persoas, sans e medianamente felices. Traballar a este nivel é fundamental .

 

6. Cales son os principais retos e oportunidades para continuar mellorando?

Curiosamente eu focalizaría como un dos principais retos, non tanto formar e concienciar aos profesionais sobre todo o traballo que hai que desenvolver e darlle a formación e as ferramentas para elo, senón fundamentalmente formar e concienciar aos responsables institucionais. Creo humildemente e que na Administración Pública temos un serio problema de liderazgo, xa que aquelas e aqueles que teñen a posibilidade de poder cambiar as cousas, deben necesariamente ter a información, a formación e a valentía para poder facelo. Por iso a mensaxe tamén vai dirixida cara eles.

 

 

Spread the love
Antonio Rial Boubeta
Antonio Rial Boubeta