Seccións

«A orientación brinda acompañamento e oportunidades experienciais que favorecen a autoexploración, a interiorización de intereses e valores, a autodeterminación e a autorrealización»

Un dos interesantes simposios previstos nas I Xornadas de Psicoloxía Educativa do 30 de setembro e 1 de outubro permitiranos achegarnos ás emocións na toma de decisións. Carolina Tinajero Vacas é Profesora Titular no Departamento de Psicoloxía Evolutiva e da Educación da Universidade de Santiago de Compostela, e a súa intervención será sobre o apoio social e desenvolvemento vocacional.

Licenciada e doutora en Psicoloxía pola USC, a súa actividade docente tense dedicado a materias sobre Psicoloxía do Desenvolvemento e Orientación e Intervención Psicoeducativo, tanto en licenciatura, grao, máster e doutoramento, ámbito no que tamén ten desenvolvido un importante labor investigador. Ademais, coordinou o Máster Universitario en Psicoloxía Educativa: Desenvolvemento e Aprendizaxe.

 

“Apoio social e desenvolvemento vocacional”: que vai contribuír ás persoas asistentes ao seu simposio?

I Xornadas Galegas de Psicoloxía Educativa: Psicoloxía Educativa, sempre emocionando

I Xornadas Galegas de Psicoloxía Educativa: Psicoloxía Educativa, sempre emocionando

Centrareime no papel da rede de relacións interpersoais dos individuos na conformación de intereses, a toma de decisións e a implicación na carreira académico-profesional. En particular, referireime ao modo en que o apoio percibido dos pais, profesores e iguais contribúe a conformar un perfil motivacional que condicionaría distintas dimensións vocacionais (autoeficacia, adaptabilidade, exploración e seguridade decisional). Adoptando unha perspectiva sociocognitiva e inspirándome na Teoría da Autodeterminación, presentarei unha revisión de investigacións recentes que poñen en conexión o apoio social percibido con tales dimensións.

Considera que ten o peso que lle corresponde a psicoloxía no aspecto da toma de decisións dentro do sistema educativo?  

A abordaxe psicolóxica é esencial na orientación vocacional e debería ser reforzado no ámbito educativo. Ofrecer orientación, desde a perspectiva psicolóxica, é máis que proporcionar información sobre itinerarios formativos e profesionais, en momentos puntuais. Trátase de brindar acompañamento e oportunidades experienciais que favorezan a autoexploración, a interiorización de intereses e valores, a autodeterminación e a autorrealización. Este é un labor socializador continuo e evolutivo con clara repercusión na integración social e no benestar psicolóxico.

Que papel representan as emocións dentro da toma de decisións?

Dificilmente podemos sobrevalorar a faceta afectiva na proxección dunha traxectoria vocacional. Ao longo do desenvolvemento e en todo acto de aprendizaxe, cognición e emoción van da man e inflúense mutuamente. Nos máis recentes modelos psicoeducativos sobre autorregulación e autodeterminación, as emocións intégranse como un mecanismo homeostático. Estas maniféstanse en forma de inclinacións afectivas persoais e experiencias circunstanciais e modulan o balance entre as necesidades individuais e as demandas ambientais, condicionando as metas persoais e as estratexias utilizadas en prol da súa consecución.

Nunca tivo tanta presenza a saúde mental no debate público como neste momento. Que podería contribuír a psicoloxía dentro do sistema educativo?

A Psicoloxía Educativa é unha disciplina esencial para a prevención, a detección temperá e a intervención remedial ou optimizadora, no relativo ao benestar psicolóxico dos individuos e o seu progreso académico e vocacional. É necesaria a súa potenciación no sistema educativo para responder ás perentorias demandas das familias, dos docentes e dos propios discentes. Cabe destacar a atención a diversidade, a conflitividade nas aulas, o fracaso/abandono escolar e o axuste no afrontamento de eventos e períodos transicionais. A delimitación do perfil do psicólogo educativo, no ámbito dunha orientación educativa especializada, serviría sen dúbida a este ambicioso propósito.

Spread the love
Carolina Tinajero Vacas