Grupos

“A intervención en crise ten que estar dentro do repertorio de recursos, da ‘caixa de ferramentas’ dos profesionais da saúde mental”

Xeorxia, Ucraína, o Iemen, Mauritania, Serra Leona, Nepal, Grecia, Angola, Siria, Iraq, Sudán do Sur… O pasaporte do colexiado José María Freire Duro (G-3339) dá boa conta da súa experiencia traballando como psicólogo en contextos de axuda humanitaria. O vindeiro sábado 30 de abril aproveitaremos unha breve estadía súa en Galicia para impartir un curso sobre saúde mental e apoio psicosocial nestes contextos.

Unha formación que chega nun momento no que este tipo de contidos teñen maior relevancia, dado que xa chegaron a Galicia nas últimas semanas máis dun milleiro de persoas fuxidas da guerra en Ucraína, o que ten importantes consecuencias a nivel psicolóxico.

Masha Asieiva, mediadora intercultural na ONGD Ecos do Sur

Masha Asieiva, mediadora intercultural na ONGD Ecos do Sur

Neste curso, que acollerá a Facultade de Psicoloxía da USC, estará acompañado por Masha Asieiva, mediadora intercultural na ONGD Ecos do Sur e cidadá ucraína residente na Coruña, que nos achegará a súa experiencia con persoas migrantes no terceiro sector.

Conversamos con José María Freire para ter un adianto da sesión formativa do 30 de abril, que organiza do Grupo de Intervención Psicolóxica en Catástrofes e Emerxencias (GIPCE) do COPG.

 

– Cal é a intención da sesión formativa que ides impartir?

A idea é dar unha visión xeral do marco de intervención en MHPSS (Mental Health and Psychosocial Support), conforme as recomendacións das axencias internacionais de referencia para contextos de axuda humanitaria: violencia, catástrofes e crises (WHO, UNHCR, UN, ICRC, IFRC, MSF, MDM etc.). Deste xeito, as psicólogas e psicólogos van coñecer as claves da intervención nas súas distintas fases, así como algunhas das ferramentas recomendadas e habitualmente usadas, tanto para a avaliación de necesidades como para as primeiras intervencións con vítimas ou beneficiarios.

– Desde a túa traxectoria profesional, en que situación se atopa a intervención psicolóxica en contextos de axuda humanitaria?

Non estou moi seguro de que estes contidos sexan coñecidos pola xeneralidade, por un lado, dado que os seus ámbitos de aplicación adoitan atoparse fóra do país, – para o noso alivio! -, en contextos nos que non existen estruturas de asistencia para as poboacións afectadas, ou están moi limitadas ou non accesibles. Por outro lado, cando as intervencións son dentro do noso país, son levadas por equipos profesionais especializados, non necesariamente visibilizados ou mediáticos.

– Cómpre formarse neste ámbito, entón.

A intervención en crise, na emerxencia, ten que estar dentro do repertorio de recursos, a “caixa de ferramentas” dos profesionais da saúde mental que traballan na intervención psicoterapéutica, de igual maneira, como os primeiros auxilios entre os profesionais da medicina, as médicas e enfermeiras.

– Cales son os principais retos e oportunidades para continuar mellorando?

Reforzar as estruturas de resposta rápida ante os acontecementos, as situacións adversas, con capacidade para prestar un servizo aceptable, accesible e asumible, dirixido á poboación vulnerable. É dicir, profesionais de calidade, especializados, con protocolos de intervención áxiles e de eficacia demostrada, integrados, con pleno dereito, nunha estrutura de resposta psicosocial integral.

José María Freire Duro

– Este curso chega nun momento de excepcional, pola gran crise de persoas refuxiadas procedentes do conflito en Ucraína. Como é a intervención neste tipo de contextos?

Os programas de intervención céntranse en crear estruturas temporais de axuda que suplen o que as estruturas oficiais do país viñan facendo (ou poderán empezar a facer con programas de desenvolvemento), a través da organización da intervención, tendo como prioridade os grupos de poboación máis vulnerables, a través da capacitación dos recursos locais existentes.

– A acollida de persoas refuxiadas de conflitos vai máis alá deste momento inicial. Como debería contemplarse a atención psicolóxica?

Calquera intervención debe facerse desde o rigor e a partir de tratamentos baseados na evidencia, e contemplando a saúde e a saúde mental tal e como é definida pola Organización Mundial da Saúde, é dicir, considerando as distintas áreas da vida dos individuos. Adicionalmente, coa competencia ou habilidade en intelixencia cultural, por tratarse de poboacións culturalmente diferentes.

Spread the love
José María Freire Duro