Seccións

O Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia xunta arredor de 150 psicólogos e psicólogas en Ribadavia para abordar o tema da saúde mental

O Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia celebrou as XXIX Xornadas da Sección de Psicoloxía e Saúde, “Desafiando á historia”, na Casa da Cultura de Ribadavia, Ourense, cunha notable acollida de preto de 150 psicólogos e psicólogas. No acto inaugural, o alcalde do Concello de Ribadavia deu a benvida aos asistentes e subliñou a relevancia deste encontro para o futuro da saúde mental en Galicia, onde se abordaron temas como a atención psicolóxica en contextos de vulnerabilidade, o tratamento do trauma e a reconstrución da identidade persoal.

Durante a xornada, as e os profesionais participaron en diversos obradoiros e mesas redondas, que abordaron cuestións prácticas como o uso do Diálogo Aberto e a relación terapéutica, ademais de temas de fondo como o impacto da violencia e a importancia das narrativas na psicoterapia.

Outro punto destacado foi a presentación do Anuario da Sección de Psicoloxía e Saúde, publicación científica que recolle investigacións actuais no ámbito da psicoloxía clínica e sanitaria. As xornadas incluíron tamén un espazo para a presentación de pósteres e comunicacións orais, onde os asistentes compartiron estudos e experiencias, promovendo un intercambio de coñecementos que fortalece a comunidade profesional.

As XXIX Xornadas, celebradas entre o 7 e o 9 de novembro, foron unha oportunidade única para que os profesionais da psicoloxía reflexionasen conxuntamente sobre as necesidades e desafíos da saúde mental en Galicia. Este evento contribuíu á consolidación dos vínculos profesionais, fomentando solucións colaborativas que melloren o benestar psicolóxico e a calidade da atención na comunidade.

 

D. César Fernández Gil, Alcalde do Concello de Ribadavia; Dna. Patricia María Tamara Rego Ribeiro, presidenta Comité Organizador; D.Xacobe Abel Fernández, presidente sección Psicoloxía e saúde do COPG; Dna. Mª Rosa Álvarez Prada, decana COPG.