A European Federation of Psychologists’ Associations (EFPA) acaba de aprobar, na súa asemblea xeral de asociacións membros, o recoñecemento da Psicoloxía Comunitaria e da Intervención Social como un campo de práctica profesional con entidade propia dentro do marco EuroPsy, o certificado europeo de cualificación en psicoloxía.
Este recoñecemento supón un paso clave na visibilización e fortalecemento internacional deste ámbito profesional, que ten un papel esencial na promoción da saúde mental, o benestar social e a cohesión comunitaria. Ademais, representa un balón de osíxeno para que a profesión non perda forza nin presenza fronte aos desafíos sociais actuais.
Desde a Sección de Psicoloxía da Intervención Social do Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia valoramos esta nova como un recoñecemento merecido ao labor das e dos profesionais da psicoloxía comunitaria e da intervención social, que moitas veces traballan en contextos precarios pero cun alto impacto social.