Destacado

Tempo da Psicoloxía 2025
A educación afectiva e sexual, clave para combater os efectos do consumo de pornografía en menores

Os días 20 e 21 de febreiro celebrouse a sétima edición de Tempo da Psicoloxía, que levou por título «Unha ollada sobre o consumo precoz de pornografía». O evento, organizado conxuntamente pola Facultade de Psicoloxía e o Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia, contou cunha palestra e unha conferencia.

Tempo da Psicoloxía 2025

Palestra sobre pornografía en Tempo da Psicoloxía 2025

A palestra principal, celebrada o 20 de febreiro, abordou o impacto do consumo de pornografía por parte de menores. Moderada pola xornalista Marga Tojo, contou coa participación de tres expertas que ofreceron a súa visión. Cristina Sanjuán Vázquez, licenciada en Dereito e consultora social experta en protección da infancia, sinalou as obrigas recollidas no marco lexislativo para protexer os nenos e nenas fronte a contidos pornográficos, e puxo o foco na importancia de ofrecer educación sexual como un recurso eficaz para limitar os efectos deste tipo de contidos nos menores.

Pola súa banda, a psicóloga e doutora en Psicoloxía Social Sandra Sanmartín Feijoo, quen liderou en 2024 un estudo na Universidade de Galway sobre pornografía e actitudes cara á violencia entre adolescentes, engadiu que a alfabetización dixital é un elemento protector tamén para a infancia e a adolescencia, que se atopa exposta a moitos contidos inadecuados para a súa idade.

Completou a palestra Inma Araújo López, psicóloga da Asociación Alborada e integrante do programa VINCO de intervención con menores con condutas sexuais inadecuadas, que achegou distintas experiencias que foron atopando cos rapaces que acceden a este programa.

Podes ver a palestra ao completo na canle de Tempo da Psicoloxía en Youtube.

O evento concluíu o venres 21 de febreiro no marco dos actos de celebración do Día da Psicoloxía Académica, coa conferencia «Consumo de pornografía na infancia e na adolescencia: consecuencias a nivel afectivo e social», impartida por Berta Aznar-Martínez, doutora en Psicoloxía da Educación e profesora na Universidade Ramón Llull. A experta afondou nas consecuencias deste consumo a nivel afectivo e social, alertando sobre a necesidade de medidas para protexer á infancia fronte a contidos inadecuados.

Día da Psicoloxía Académica na Facultade de Psicoloxía da USC