Destacado

Acto "Alba de Compostela"
A decana do COPG recibe un recoñecemento do Concello de Santiago no acto ‘Alba de Compostela’
Mª Rosa Álvarez Prada

Mª Rosa Álvarez Prada

A decana do Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia, Mª Rosa Álvarez Prada, recibiu o 25 de xullo, con motivo do día grande das Festas do Apóstolo, un recoñecemento do Concello de Santiago no acto ‘Alba de Compostela’, no que se rendeu homenaxe ás persoas ou institucións que constrúen cidade todo o ano.

Tamén recibiron a distinción Daniel Lorenzo Santos director da Fundación Catedral de Santiago; os equipos femininos do Hóckey Club Raxoi; e Ánxeles González Porto, propietaria do pub Borriquita de Belém e membro da Asociación Cultural Cidade Vella.

Desde o Concello estimaron que Mª Rosa Álvarez Prada, decana do Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia e directora técnica do Plan Socio-Comunitario de Vite, é merecedora deste recoñecemento pola súa dedicación profesional e persoal á transformación do barrio de Vite, implicando persoas e entidades nun proxecto social que as erixe como protagonistas e impulsoras do espazo veciñal, modelo de intervención sociolaboral, colaborativa e educativa.

O acto bebe do contido simbólico e histórico de ‘Alba de Gloria’, o discurso de Castelao, situado na mañá do 25 de xullo, que fai unha semblanza dos personaxes históricos que desde a Idade Media contribuíron a construír a identidade e a presenza no mundo de Santiago e de Galicia e formula un desexo de esperanza no futuro. Neste 2023 celébrase, ademais, o 75 aniversario deste texto.

Tamén se inspira na ‘Estrela de Santiago’, unha estrela de oito puntas, presente no escudo de Santiago e visible en moitos lugares da cidade. Rememora o sinal que indicou onde se había de construír Compostela cuxo nome está relacionado, no imaxinario popular, co «campo da estrela». Vincúlase tamén con outras tradicións como a da relación entre o Camiño de Santiago e a Vía Láctea.

Spread the love