Este 10 de setembro conmémorase o Día Mundial pola Prevención do Suicidio, que nesta ocasión ten por lema “Creando esperanza a través da acción”, unha xornada na que se dá visibilidade a este grave problema de saúde pública polo que faleceron 307 persoas en 2020 en Galicia. Teresa Pacheco Tabuenca é doutora en Psicoloxía e experta en psicoloxía de emerxencias e sucesos de gran magnitude, e visitará o COPG o 24 de setembro para impartir un curso sobre a avaliación e a intervención en crises suicidas. Actualmente é subdirectora xeral de Atención e Coidados Sociosanitarios da Consejería de Sanidad da Comunidad de Madrid e conta cunha ampla experiencia na intervención en emerxencias, ademais de ser autora do libro Atención psicosocial en emergencias. Evaluación e intervención en situaciones críticas, publicado por Síntesis. Na Circular Informativa do COPG conversamos con Teresa Pacheco para achegarnos en profundidade ao contido da formación e, sobre todo, a como podemos mellorar a prevención da conduta suicida.
Que espera ás persoas asistentes á formación do 24 de setembro?
Na primeira parte faremos “unha foto” sobre a conduta suicida, que é o suicidio a día de hoxe en canto a cifras, factores de risco, características da conduta suicida e tamén os factores protectores. Isto é básico para poder avaliar unha situación como as que imos ver despois e intervir. Falaremos tamén das crenzas que temos respecto á morte e ao suicidio, os valores e tamén as experiencias, sexan persoais ou a nivel profesional, que nos marcan e hai veces que nos interfiren.
A seguinte parte do curso ten que ver con avaliar e saber intervir, principalmente, en situacións de crises suicidas. Céntrome naquelas situacións nas que eu atopo unha persoa con risco suicida e teño que actuar aquí e agora; non é unha intervención onde poida vela tranquilamente no meu despacho e falar coa persoa que pode ter un risco. Veremos a estratexia, pautas, erros previbles, sempre tendo en conta que, ademais, son situacións que case poñen a proba ao propio profesional, porque son moi impactantes. Veremos casos prácticos e faremos algún exercicio de role playing. Tamén veremos a intervención in situ cos sobreviventes do suicidio, coa contorna daquela persoa que se quita a vida e como se ve afectada. Moitas veces é o propio profesional quen comunica a mala noticia do falecemento e a posible causa, veremos como manexamos todas as reaccións que aparecen no inicio do dó.
Como experta en psicoloxía en emerxencias, que importancia ten contar con preparación específica para este tipo de intervencións?
É fundamental especializarse. Non só é todo o que xera a situación para a persoa en si, o sufrimento, o mal que o están pasando e que non ve outra saída, emocións negativas, o medo, etc.; senón que no propio profesional tamén aparecen moitos medos, porque son situacións para as que non nos preparan. É no momento no que case que nos responsabilizamos, que é un pensamento moi habitual no profesional: responsabilízome da vida ou a morte do outro. Cando eu asumo ese peso de responsabilidade que pode levar incluso a culpabilidade no caso de que a persoa decida suicidarse realmente, interfire moito nas intervencións. É fundamental prepararte para eliminar esa responsabilidade, tamén eliminar a crenza de que imos convencer ao outro de que non o faga. É fundamental prepararte para saber preguntar e non ter medo a facelo. A realidade é que esta é a única situación na que a vida da persoa está en xogo, por iso o profesional ten que saber avaliar, preguntar, observar, saber intervir.
Tamén se vai a falar da atención telefónica. Como afecta a limitación da intervención mediada polo teléfono?
A intervención telefónica é a máis complexa, porque o outro son os teus ollos, co cal tes que preguntar moito máis para poder saber o que lle está a pasar ao outro, perdémonos todo o que é a comunicación non verbal que sabemos que é a máis importante. Temos que confiar en saber recoller toda a información con aquilo que preguntamos, que a información que o outro nos está trasladando sexa real e que, ademais, a intervención non pareza un cuestionario porque tampouco podes afogalo a preguntas nese momento. Hai unha prioridade na intervención telefónica e é, desde un punto de vista do manexo nun servizo de emerxencias, saber onde está esa persoa porque o ideal é poder facer que un recurso de axuda sexa presencial.
Moitas das intervencións en de emerxencias do GIPCE son de morte por suicidio, o crecemento é espectacular e son das menos visibles, pero o impacto nos sobreviventes é moi grande. Que implica contar coa posibilidade de acceder a atención psicolóxica profesional especializada nese primeiro momento para as persoas sobreviventes?
O feito de que, efectivamente, teñamos tantos casos pero que non sexan visibles, é porque a conduta suicida é a epidemia silenciada que inclúe a todos os participantes, á propia persoa que falece, pero tamén á súa contorna. Segue a haber un gran tabú sobre esta morte. Cada vez fálase máis diso e creo que estamos a mellorar nos últimos anos moitísimo, pero tamén é verdade que as familias seguen véndose moitas veces cuestionadas, chegan a tapar a causa de morte do seu familiar, porque conleva sentimentos de responsabilidade, de culpabilidade, “non souben velo, non souben axudalo”. É unha lousa que cae á familia. É fundamental empezar a traballar desde o principio esa responsabilidade, esa culpabilidade, a negación, mesmo sentimentos de rexeitamento cara ao outro, “como puideches chegar a facerme isto a min”. Esa lousa é a pregunta do por que, esa pregunta, a nivel do proceso do dó que vén a posteriori, marca moitísimo, porque moitas veces non imos poder chegar a coñecelo. É fundamental que nese primeiro momento as persoas teñan axuda para empezar a verbalizar este tipo de cousas, empezar a dixerir aquilo que está que está a ocorrer, pero tamén sabemos que as persoas familiares sobreviventes de alguén que falece por suicidio nunha alta porcentaxe van necesitar axuda especializada nese proceso de dó.
Unha das principais funcións que ten a intervención en crise, en emerxencias, é o carácter preventivo: a intervención in situ de forma inmediata vai minimizar a aparición posterior de patoloxía psiquiátrica ou trastorno psicolóxico. En moitos casos, van precisar o apoio dun especialista en saúde mental, un psicólogo ou un psiquiatra. Ademais, os grupos de autoaxuda de persoas que pasaron polo mesmo teñen unha funcionalidade moi positiva, porque reducen esa crenza de querer tapar a morte por suicidio dos meus familiares, axuda a normalizar que hai moita xente que vive o mesmo.
Como ves a abordaxe tanto a nivel preventivo como asistencial na actualidade e o papel da psicoloxía?
Levamos pedindo un plan nacional de prevención de suicidio desde hai moito. Eu son de visión positiva e creo que, aínda que hai moitas cousas que faltan, hai moitas que se están facendo. As Comunidades foron creando os seus propios procedementos, protocolos, plans de saúde mental onde hai liñas específicas de prevención de suicidio. Tamén se están facendo labores de prevención noutros sectores que non teñen que ver coa saúde mental, como poidan ser plans de prevención en certos corpos de seguridade, por exemplo, Garda Civil. Os bombeiros tamén se están preparando para poder intervir. Está a empezar a haber esa cultura de prevención da conduta suicida onde xa non dá medo falar diso. E logo temos en última instancia o teléfono do 024, do Ministerio de Sanidade que tivo esa iniciativa e que hai que ver tamén como funciona. Creo que analizar agora, moi a curto prazo se funciona ou non, non se axustaría á realidade, senón que haberá que ver o efecto a longo prazo. Que todo o mundo saiba que o día 10 de setembro é o Día da Prevención do Suicidio é algo moi positivo. Hai ámbitos onde antes era impensable que se falase da prevención do suicidio, como era o ámbito escolar. Hai uns días, na Comunidad de Madrid saíu un protocolo específico na Consellería de Educación de prevención de suicidio en menores e adolescentes. Antes ti ías a un colexio para dicir “oian, que hai que facer algo para prevención de suicidio” e o tema era tabú absoluto. E cando se daban algúns casos, os profesionais achegabámonos con pés de lá, con coidado de como se manexaba polo medo a que houbese efecto contaxio…
Eu agora estou dentro da Administración Pública, en xestión. A nivel asistencial fáltannos cousas por facer, efectivamente, pero estanse facendo cousas, desde hai anos. A nivel de Atención Primaria e hospitalaria tamén se mellorou, está a darse moita formación. É fundamental que os médicos de Atención Primaria e enfermería saiban identificar o risco suicida porque moitas veces a xente vai con patoloxía psicosomática, con outro tipo de patoloxía que ao final camufla o que realmente hai de base, que é un sufrimento ou malestar e o que se están expondo quitarse a vida. É mellorable, pero está a facerse.
Desde logo, a preocupación pola saúde mental a nivel social nunca foi tan alta e hai unha parte tamén de sensibilización social que se está realizando a través dos medios de comunicación, nos que ata fai moi pouco apenas se falaba do suicidio. Como debería abordarse esta prevención a través dos medios?
Os medios son un dos axentes principais porque son a vía de comunicación con toda a poboación. Pasamos, efectivamente, desde un punto no que os medios de comunicación non podían nin mencionar a palabra suicidio, que viña desde hai moitos anos en que se identificou que a noticia baseada no sensacionalismo tiña un efecto de contaxio e que a OMS fixo un chamamento público de que normas, que directrices tiñan que seguir os medios de comunicación á hora de falar sobre suicidio. Que nunca nos dixeron que non se falase, senón que se falase dunha maneira determinada. Creo que a gran maioría dos medios son coidadosos e, sobre todo, no canto de basearse no sensacionalismo, dáse a mensaxe fundamental da prevención, é a mensaxe de esperanza, á parte da normalización, que unha persoa nun momento dado da súa vida pode considerar quitarse a vida e pode pedir axuda, pode recibila. Moitas veces, finalizo as miñas clases dicindo que independentemente de cada un, do sitio onde esteamos ou a función que teñamos, e dá igual que sexamos profesionais ou non, ao final todos somos axentes de prevención.
O lema deste ano para o 10 de setembro é o da esperanza a través da acción, que che suxire?
Se nos mantemos inmóbiles ante un problema que temos diante, así non imos liquidar absolutamente nada. Dá igual que sexamos medios de comunicación, psicólogos, médicos, policías, mestres ou unha persoa que pasa pola rúa que nun momento dado poidas axudar: cada un, desde o noso lugar, se nos poñemos en marcha e se actuamos ata onde poidamos, podemos axudar, podemos previr. Por tanto, pódese ver este problema dunha forma esperanzada, que realmente podemos mellorar. É un problema de saúde pública, pero, ao final, é un problema desta sociedade e sabemos que, ademais, agora mesmo e con todo o que vivimos, é un problema realmente grave. Temos que actuar porque estamos diante de cifras que non viramos nunca.