Comisións

A Comisión para a Defensa da Profesión fai unha reflexión ao fío do emprego indiscriminado do termo «psicoterapia»

Coidemos a terminoloxía e distingámonos de iniciativas pouco rigorosas.

Consideramos axeitado salientar que o uso do termo «Psicoterapia» debería facerse con cautela, xa que se presta a moita confusión. O termo non está regulado, e non hai consenso sobre que tipo de intervencións engloba. A realidade é que o seu uso común pola cidadanía remite ao tratamento psicolóxico dos trastornos mentais. Isto induce a crer que o/a profesional que fai psicoterapia está habilitado/a para o tratamento destes.

Como xa salientamos sempre, é máis que pertinente diferenciarnos de supostas “psicoterapias” baseadas en pseudociencias ou ofertadas por persoas sen a formación necesaria. Por este motivo, a nosa recomendación é que, de manter o uso dese termo, indiquemos expresamente a nosa formación como psicólogos e psicólogas, incluíndo o número de colexiación, e o número de rexistro sanitario cando proceda.

Confiamos que compartades connosco a importancia de que todas as persoas colexiadas ofrezamos á poboación uns servizos de atención psicolóxica que se axusten á lexislación vixente e ao noso Código Deontolóxico.

Aproveitamos para vos desexar un estupendo tempo de descanso, tan necesario e de seguro moi merecido.

Lembra que se consideras que se está a cometer intrusismo profesional na psicoloxía, podes comunicalo ao COPG, aportando todos os datos posibles, para iniciar o estudo correspondente.  O COPG actúa de oficio para garantir a confidencialidade dos datos da persoa informante.

Spread the love