Comisións

A Comisión para a Defensa da Profesión cumpre 9 anos de andadura

A Comisión para a Defensa da Profesión protagonizou a última sesión de «Falamos, ciclo experiencias compartidas do COPG» .

O pasado 14 de marzo, o compañeiro e vogal da Comisión Manolo Pazos Riveiro (G-0001) presentou as principais accións que se desenvolven desde esta Comisión, así como a finalidade e os obxectivos acadados desde este órgano colexial.

Manolo salientou a función que a Comisión ten de sensibilización cara á defensa da profesión da Psicoloxía fronte ao intrusismo crecente. Ante a elevada demanda de atención psicolóxica por parte da poboación, proliferan infinidade de fórmulas terapéuticas-pseudocientíficas no mercado que crean confusión xeralizada e supoñen un risco real para a saúde pública. Neste senso, a colexiación é un sinal distintivo da profesión, ademais de ser unha obriga. Faise unha chamada á responsabilidade que ten a Psicoloxía cara á saúde das persoas, sempre dende a honestidade.

En relación ao intrusismo, convidámosvos a visionar “Una terapia de mierda”, curtametraxe-documental de 2022 e dispoñible en FILMIN (nos Premios Goya 2024 foi Nominada á Mellor Curtametraxe Documental).

Por outra banda, elaborouse o informe que cada semestre se remite á Subdirección Xeral de Inspección, Auditoría e Acreditación de Servizos Sanitarios, con aqueles casos considerados da súa competencia e que son susceptibles de actuacións por parte desta autoridade.

Lembra que se consideras que se está a cometer intrusismo profesional na psicoloxía, podes comunicalo ao COPG, aportando todos os datos posibles, para iniciar o estudo correspondente. O COPG actúa de oficio para garantir a confidencialidade dos datos da persoa informante.

Spread the love