Comisións

A Comisión para a Defensa da Profesión agradece a implicación das persoas colexiadas no seu cometido

A maioría dos expedientes que chegan para o seu estudo, proceden de avisos de membros do COPG.

A Comisión para a Defensa da Profesión agradece a preocupación amosada polas compañeiras e compañeiros arredor das ameazas de intrusismo e salienta que é fundamental contar coa complicidade de todas as persoas colexiadas para promover a visibilidade da profesión.

A Comisión analiza cada asunto que se lle achega e que poida constituír un caso de intrusismo profesional, e actúa, dentro do marco das súas competencias e capacidades, para tratar de atallalos.

Algúns dos casos que se atopa con máis asiduidade son:

  • Persoas que ofrecen «terapias alternativas», con insuficiente ou nula base científica (pseudoterapias), para tratar problemas de índole psicolóxica.
  • Persoas que, sen ningunha titulación oficial, ofrecen servizos «terapéuticos”, propios da atención psicolóxica e que inducen á confusión con publicidade pouco clara ou enganosa.

Teñamos en conta que, como psicologas e psicólogos, as nosas intervencións sempre deben ter fundamento suficientemente contrastado, dentro dos límites do coñecemento científico vixente (arts. 6 e 18 do Código Deontolóxico).

Lembra que se consideras que se está a cometer intrusismo profesional na psicoloxía, podes comunicalo ao COPG, aportando todos os datos posibles, para iniciar o estudo correspondente.  O COPG actúa de oficio para garantir a confidencialidade dos datos da persoa informante.

Spread the love