O obxectivo é defender o compromiso coa psicoloxía fronte a outras opcións sen respaldo científico.
En relación con isto, lembramos aquí o artigo 18 do noso Código Deontolóxico que di que, o/a profesional da psicoloxía non utilizará medios ou procedementos que non estean suficientemente contrastados, dentro dos límites do coñecemento científico vixente. E, no caso de investigación para poñer a proba técnicas ou instrumentos novos aínda non contrastados, faránno saber á súa clientela antes do seu emprego.
Asemade, unha parte desas mensaxes tamén se dirixirán a refrescar as vantaxes da colexiación, ás veces non recoñecidas.
Por outra banda, este mes recibiuse un novo expediente de posible intrusismo dunha persoa non psicóloga que ofrece “psicoterapia”. Neste caso concreto, foi unha cliente a que informou ao sentirse enganada pola que ela supuña que era profesional da psicoloxía.
É importante clarificar sempre a nosa titulación oficial xunto ao número de colexiación para que a poboación poida discriminar cada vez mellor, e canto antes, outro tipo de servizos ofertados.
Lembra que se consideras que se está a cometer intrusismo profesional na psicoloxía, podes comunicalo ao COPG, aportando todos os datos posibles, para iniciar o estudo correspondente. O COPG actúa de oficio para garantir a confidencialidade dos datos da persoa informante.