Destacado

Campaña "A túa saúde mental non é un xogo"
A campaña «A túa saúde mental non é un xogo» segue chegando á cidadanía grazas á colaboración de centros e institucións

A campaña «A túa saúde mental non é un xogo» continúa a estender a súa mensaxe grazas á implicación dos centros de saúde e das institucións que colaboran co Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia na súa difusión.

As grandes mensaxes adoitan comezar con pequenos xestos. Cada cartel colocado, cada espazo cedido e cada persoa que se detén a ler a campaña contribúe a que máis cidadáns e cidadás poidan identificar as pseudoterapias, desconfiar das falsas promesas e comprender a importancia de recorrer sempre a profesionais da Psicoloxía colexiada e a intervencións baseadas na evidencia científica.

A saúde mental é demasiado importante para deixala nas mans de quen ofrece solucións sen respaldo profesional. Por iso, desde o COPG seguimos traballando para sensibilizar á sociedade sobre a necesidade de elixir unha atención psicolóxica rigorosa, ética e de calidade.

Queremos agradecer especialmente a colaboración dos centros de saúde e das diferentes institucións que están a facer posible que esta campaña continúe chegando cada día a máis persoas. A súa implicación resulta fundamental para reforzar unha mensaxe que busca protexer a saúde mental da cidadanía e poñer en valor o exercicio profesional da Psicoloxía.

Porque a túa saúde mental non é un xogo.