O Colegio Oficial de la Psicología de Gipuzkoa recolle a mensaxe da nosa campaña «A túa saúde mental non é un xogo» e lévaa ás rúas de Donostia cunha acción de sensibilización que está a acadar unha salientable repercusión.
A campaña contra o intrusismo profesional impulsada polo Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia (COPG) continúa ampliando o seu alcance e servindo de referencia para outras organizacións profesionais. O Colegio Oficial de la Psicología de Gipuzkoa puxo en marcha unha iniciativa que segue a liña da campaña galega «A túa saúde mental non é un xogo», co obxectivo de concienciar a cidadanía sobre os riscos de recorrer a persoas sen a cualificación necesaria ou a prácticas carentes de evidencia científica para abordar problemas de saúde mental.
A iniciativa vasca, que se desenvolve entre o 29 de setembro e o 10 de outubro, coincidindo coa celebración do Día Mundial da Saúde Mental, está presente nas marquesiñas dos autobuses de Donostia baixo o lema «Tu salud mental no es un juego. Ponte en manos de psicólogos y psicólogas colegiados». A campaña está a conseguir unha notable visibilidade na provincia, contribuíndo a situar no debate público a importancia dunha atención psicolóxica cualificada e rigorosa.

Campaña «A túa saúde mental non é un xogo» en Donostia
Unha mensaxe que traspasa fronteiras
O COPG lanzou en outubro de 2025 a campaña «A túa saúde mental non é un xogo», promovida pola Comisión para a Defensa da Profesión, coa finalidade de combater o intrusismo e alertar sobre a proliferación de pseudoterapias e supostas solucións rápidas para os problemas psicolóxicos.
Cun enfoque creativo, próximo e cunha importante dose de humor e ironía, a iniciativa galega procura chamar a atención sobre a necesidade de diferenciar a intervención psicolóxica profesional doutras prácticas que non contan co respaldo da evidencia científica. A campaña tivo unha excelente acollida entre a comunidade profesional galega, cunha ampla difusión nas redes sociais e a colaboración de centros sanitarios, institucións e entidades de distintos ámbitos.
Agora, a posta en marcha dunha acción semellante en Gipuzkoa pon de manifesto a capacidade desta mensaxe para transcender o territorio galego e contribuír á sensibilización social arredor dunha preocupación compartida pola profesión.
Fronte aos autodiagnósticos e ás pseudoterapias
A campaña do colexio guipuscoano, ao igual que a do COPG, presta especial atención aos riscos asociados á procura de respostas sobre saúde mental nas redes sociais e nas ferramentas de intelixencia artificial. A través de cinco mensaxes directas e provocadoras, cuestiona a fiabilidade dos autodiagnósticos realizados a partir de vídeos de TikTok, das recomendacións sen fundamento científico e de determinadas prácticas pseudoterapéuticas.
O obxectivo non é desacreditar actividades que poidan contribuír ao benestar persoal, senón lembrar que estas non substitúen unha intervención psicolóxica profesional cando existe un problema de saúde mental.
A iniciativa incide, deste xeito, nunha das principais reivindicacións da campaña promovida polo COPG: a importancia de acudir a psicólogos e psicólogas coa formación, cualificación e habilitación correspondentes, que exerzan conforme aos principios científicos e deontolóxicos da profesión.
Un compromiso compartido coa protección da cidadanía
Desde o Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia, a extensión desta mensaxe a outros territorios constitúe un motivo de satisfacción e reforza a pertinencia de continuar desenvolvendo accións de sensibilización fronte ao intrusismo profesional.
A experiencia de Gipuzkoa amosa que a defensa dunha Psicoloxía rigorosa, ética e baseada na evidencia é unha preocupación común que require da implicación das organizacións colexiais e da colaboración da propia cidadanía.
O COPG continúa así reivindicando unha idea fundamental que está na orixe da súa campaña e que agora atopa eco máis alá de Galicia: a saúde mental non é un xogo e a atención psicolóxica debe estar en mans de profesionais cualificados.










