Seccións

«A práctica narrativa é unha forma moi respectuosa de achegarse á relación das persoas cos problemas e isto favorece a empatía e a relación»

O 23 de xuño, Carlos Alexis Chimpén López estará impartindo un curso no COPG sobre as respostas narrativas ao trauma. Doutorado en Psicoloxía Clínica, ten tamén un Máster Universitario en Intervencións en Psicoterapia e outro en Terapia Narrativa e Traballo Comunitario. Ademais, conta cun Posdoutoral en Terapia Narrativa. Actualmente, é profesor asociado na Facultade de Enfermería e Terapia Ocupacional.

En que consiste a sesión formativa que vai impartir? Que pode achegarlles aos psicólogos e psicólogas no seu exercicio profesional?

Asesión formativa de terapia narrativa vai ofrecer os principios básicos deste enfoque para despois analizar conversas terapéuticas e facer exercicios para poder levalo á práctica profesional de cada un dos participantes. O traballo con trauma desde a narrativa afástase da catarse e ten moita precaución da non retraumatización secundaria. Achegarase unha visión nova do traballo con trauma.

Desde a súa traxectoria profesional, hai unha ampla difusión das ideas da Práctica Narrativa?

A práctica narrativa foi crecendo desde finais dos anos 80 que é cando comezou a estenderse dentro de ámbito da terapia familiar. Nestes momentos, non só se aplica en contextos de terapia familiar, senón tamén no contexto individual, de parella e especialmente no traballo comunitario. O Dulwich Centre de Australia é o principal expoñente do traballo con trauma e comunidades. O número de publicacións foi en ascenso e segue nesa dinámica.

Que implica a cosmovisión que propón a terapia narrativa na súa aplicación con persoas que pasaron por unha experiencia traumática?

A cosmovisión narrativa implica o que se denomina a dobre escoita, non só escoitar a experiencia traumática senón tamén as múltiples historias de protección, protesta, defensa, etc. que a persoa deu fronte ao trauma. Pásase de verse como vítima a verse como sobrevivente con todo o que isto implica. Ao mesmo tempo, se co-constrúe coa persoa unha visión centrada en identidades alternativas ás que o trauma ofrece.

Por que recomendaría a aplicación da práctica narrativa?

É unha forma moi respectuosa de achegarse á relación das persoas cos problemas e isto favorece a empatía e a relación, o cal favorece a eficacia da terapia. Trabállase coa identidade das persoas e non se impoñen ideas terapéuticas que a persoa pode ver como intrusivas.

 

Spread the love
Carlos Alexis Chimpén López