Destacado

A decana do Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia reclama no Parlamento de Galicia a incorporación de psicólogos/as educativos para traballar a igualdade nos centros de ensino

Esta mañá, a decana do Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia; Mª Rosa Álvarez Prada, sinalou a prevención a través da psicoloxía educativa nos centros de ensino de Galicia como a clave para erradicar, desde a base, as violencias machistas e traballar con eficacia pola igualdade. Así o indicou na súa comparecencia no Parlamento de Galicia na Comisión non permanente de estudo para a Igualdade e para os Dereitos das Mulleres.

A decana puxo especial énfase nos retrocesos en materia de igualdade entre a mocidade para alertar de que, de non investir neste colectivo, a fenda deixaría de reducirse. “Un de cada cinco mozos de entre 15 e 29 anos nega que a violencia de xénero existe hoxe en día, cren que é un ‘invento ideolóxico’, oito puntos máis que hai dous anos”, afirmou en relación aos datos do Barómetro de Xuventude e Xénero do Centro Reina Sofía sobre Adolescencia y Juventud da Fundación FAD de 2021. “E mentres que o 74% das mozas identifica a violencia de xénero como un problema social moi grave, a porcentaxe diminúe a un 50% entre os mozos, 4 puntos menos que en 2019”, ao que engadiu no conxunto do Estado, na franxa de menores de 18 anos houbo un incremento do 70,8% de denunciados por violencia de xénero no ano pasado. Fixo alusión tamén á Memoria da Fiscalía Xeral do Estado de 2021, que advirte dun incremento da violencia entre os menores que xa desenvolven condutas de dominio e control nas súas temperás relacións afectivas ou experiencias sexuais e que requiren dunha abordaxe educativa.

“Entre as xeracións máis novas non só se perpetúan os estereotipos e as crenzas machistas, senón que se están incrementando: a igualdade retrocede entre os e as adolescentes”, e fixo un chamamento á prevención da violencia e a non poñer recursos unicamente na resposta asistencial ás vítimas, indispensable tamén mais insuficiente se se contrarresta a socialización en crenzas e prexuízos patriarcais.

“Urxe contar con profesionais da psicoloxía que poidan desenvolver programas coeducativos, que contemplen a educación afectivo sexual doutro modo, para sensibilizar, previr e detectar a violencia de xénero, que fomenten as vocacións de carreiras STEM entre as rapazas…”, ao que engadiu a necesidade de acompañamento por profesionais da psicoloxía, sen delegalo no profesorado, que non conta coas competencias nin os recursos para desenvolvelo.

En relación coa asistencia psicolóxica ás vítimas de violencia de xénero, lamentou non contar cunha rede de atención pública, a través da Atención Primaria, que puidese garantir unha atención rápida e continuada, e poder detectar situacións de violencia ou a repercusión dos desiguais roles de xénero na saúde mental, que se atopan detrás de trastornos psicolóxicos que chegan aos centros de saúde e que só reciben unha abordaxe farmacolóxica.

Podes ver a intervención completa da decana na web do Parlamento de Galicia.

Spread the love