O Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia súmase unha vez máis á conmemoración do 25 de novembro, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres, reiterando o seu compromiso coa defensa da saúde mental, a dignidade e os dereitos fundamentais das persoas afectadas pola violencia machista. Desde a nosa disciplina, concibimos esta violencia como unha gravísima vulneración dos dereitos humanos, con consecuencias duradeiras sobre a saúde emocional, o benestar persoal e a cohesión social.
Neste marco, o Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia, a través do Consejo General de la Psicología, reafirma o seu compromiso co respecto incondicional ás liberdades e garantías básicas de todas as persoas, independentemente da súa procedencia, situación administrativa ou condición socioeconómica. Protexer a integridade física e moral, a liberdade e o libre desenvolvemento da personalidade constitúe unha base esencial para o exercicio da psicoloxía e a convivencia democrática.
A evidencia científica demostra que os desprazamentos forzosos, as crises migratorias e os contextos de guerra ou extrema vulnerabilidade incrementan a exposición a distintas formas de violencia. Nos conflitos armados, a violencia sexual emprégase historicamente como arma de guerra e estratexia de terror, mediante violacións, abusos e outras agresións dirixidas contra mulleres e nenas, que poden constituír crimes de guerra. Estas vulneracións dos dereitos humanos, xunto coa explotación, a coacción e os matrimonios forzosos, xeran profundas secuelas psicolóxicas, como estrés postraumático, sentimentos de indefensión e ruptura do proxecto vital.
Un ámbito de especial atención é a protección dos fillos e das fillas. Para salvagardar a súa descendencia, moitas nais afrontan riscos, chantaxes e situacións de extrema precariedade que aumentan a súa vulnerabilidade. Ao mesmo tempo, a infancia queda exposta directa ou indirectamente á violencia, á perda de seres queridos e á falta de atención sanitaria e de condicións básicas de seguridade. As nenas e os nenos que viven en contextos de guerra, especialmente quen sofre ou presencia agresións e violencia sexual, precisan dunha protección específica e dunha atención temperá que evite secuelas duradeiras no seu desenvolvemento socioemocional.
Ante esta realidade, a psicoloxía realiza unha achega fundamental para mitigar o trauma. A intervención especializada permite crear espazos seguros, avaliar o impacto psicolóxico, previr a revitimización e aplicar tratamentos baseados na evidencia científica. A regulación emocional, a elaboración das experiencias traumáticas e a recuperación dos vínculos de apoio contribúen a restablecer a seguridade, a autonomía e o benestar das persoas afectadas.
Porén, a atención terapéutica non resulta suficiente se non se aborda a raíz do problema. A psicoloxía salienta a importancia da prevención e da educación mediante unha formación afectivo-sexual rigorosa desde idades temperás, a resolución non violenta dos conflitos e a eliminación dos estereotipos que lexitiman a desigualdade e a cousificación. A prevención permite detectar situacións de abuso, promover relacións baseadas no respecto e garantir a protección de quen se atopa nunha situación de maior vulnerabilidade.
O Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia reafirma o seu compromiso de traballar xunto coas institucións públicas, os servizos sanitarios, a comunidade educativa e os recursos de atención social para garantir que os dereitos fundamentais, a saúde mental, a prevención e o tratamento especializado sexan prioridades na erradicación de todas as formas de violencia contra as mulleres, as adolescentes e as nenas.
