A formación, gratuíta e en liña, celebrarase os días 4 e 11 de novembro e ofrecerá ferramentas para comunicar contidos psicolóxicos con rigor, eficacia e responsabilidade ética.
A Sección de Psicoloxía do Traballo e das Organizacións organiza o curso «Psicoloxía que conecta: Marca persoal para profesionais da psicoloxía», unha actividade formativa orientada a mellorar as competencias de comunicación e divulgación das e dos profesionais da psicoloxía nas redes sociais.
Nun contexto no que as plataformas dixitais teñen cada vez máis peso na difusión do coñecemento e na construción da identidade profesional, a formación busca proporcionar recursos prácticos para comunicar contidos psicolóxicos de maneira clara e atractiva, sen renunciar ao rigor científico nin aos principios éticos e deontolóxicos da profesión.
O curso desenvolverase en dúas sesións en liña, os mércores 4 e 11 de novembro, de 19:00 a 21:00 horas, a través da plataforma ZOOM do COPG. A participación será gratuíta e a duración total, de catro horas.
Será impartido por Alberto Falcón Fuentes, asesor e formador especializado en marketing, comunicación dixital, tecnoloxía e intelixencia artificial, con experiencia no acompañamento a profesionais na creación de contidos e no uso das redes sociais.
Na primeira sesión, baixo o título «Comunicar con claridade», abordaranse cuestións como a identificación do público destinatario, a definición dunha liña de contidos, a elección dos formatos máis axeitados e a elaboración de publicacións capaces de captar a atención sen caer no alarmismo nin simplificar en exceso os contidos psicolóxicos.
A segunda sesión, «Ética e práctica», centrarase na aplicación dos criterios éticos e deontolóxicos á comunicación profesional nas redes sociais. Ademais dunha intervención da Comisión de Ética e Deontoloxía, as persoas participantes traballarán na creación e revisión de publicacións, co obxectivo de trasladar os principios profesionais á práctica cotiá.
Máis información e inscricións: cartel
