O acordo dá continuidade ao traballo conxunto entre Galicia e o Norte de Portugal, coa creación dun observatorio profesional e o desenvolvemento de iniciativas formativas sobre intelixencia artificial e transición dixital.
O Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia (COPG) e a Rexión do Norte da Ordem dos Psicólogos Portugueses (OPP) consolidan a súa colaboración transfronteiriza coa sinatura dun Protocolo de Cooperación, formalizado o pasado 4 de setembro no Porto. O acordo establece un marco estable de cooperación institucional, técnica e científica entre ambas as organizacións, co obxectivo de compartir coñecemento, promover o desenvolvemento profesional e abordar conxuntamente os desafíos actuais e futuros da Psicoloxía.

Sinatura do Protocolo de Cooperación entre o COPG e a Rexión do Norte de Portugal
O protocolo, asinado pola decana do COPG, Mª Rosa Álvarez Prada, e o vicedecano, Ricardo Fandiño Pascual, xunto coa bastonária da OPP, Sofia Ramalho, e o presidente da Delegação Regional Norte, Gaspar Ferreira, dá continuidade ao traballo iniciado en novembro de 2025 entre o COPG e a representación rexional norte da organización portuguesa. Unha relación que parte da proximidade xeográfica, histórica, cultural e social entre Galicia e o Norte de Portugal para construír novas vías de colaboración ao servizo da profesión e da cidadanía.
Entre os ámbitos de interese compartido figuran a formación continua, o intercambio de experiencias e boas prácticas, a intervención psicolóxica ante situacións de pobreza e vulnerabilidade social, a promoción do benestar e do autocoidado profesional, así como a innovación, a intelixencia artificial e a transición dixital.
Un observatorio para coñecer e mellorar a realidade profesional
Un dos principais froitos deste acordo é a creación do Observatorio das Rexións do Norte de Portugal e Galicia para a Sustentabilidade Profesional da Psicoloxía, unha estrutura permanente de
cooperación técnica e participativa que permitirá analizar a evolución do exercicio profesional nos dous territorios e identificar necesidades, dificultades e oportunidades de mellora.
O Observatorio nace coa misión de xerar coñecemento sobre a realidade laboral das e dos profesionais da Psicoloxía e promover contornas de traballo máis saudables e sustentables. Os seus resultados poderán contribuír á toma de decisións, á planificación de iniciativas formativas, ao deseño de políticas públicas e á mellora continua da profesión.
A coordinación está integrada por José Manuel Oreiro Blanco e Ricardo Fandiño Pascual, en representación do COPG, e por Gaspar Ferreira e Cristina Fafiães Oliveira, pola Delegação Regional Norte da OPP. A iniciativa contempla, ademais, a posibilidade de contar coa colaboración de universidades, centros de investigación e outras entidades científicas e técnicas.
Deste xeito, ambas as organizacións avanzan cara a un modelo de cooperación que permita coñecer mellor os retos compartidos e formular respostas baseadas na análise e no intercambio de experiencias.
A intelixencia artificial e a transición dixital, eixes da colaboración
A cooperación entre o COPG e a OPP tamén se concreta no desenvolvemento de novas propostas formativas. Neste marco, ambas as entidades puxeron en marcha o ciclo «Psicoloxía, IA e Transición Dixital», unha iniciativa dirixida a crear un espazo compartido de formación, reflexión e intercambio de coñecemento entre profesionais de Galicia e do Norte de Portugal.
O ciclo está composto por tres masterclass que abordan diferentes dimensións da incorporación da intelixencia artificial á práctica psicolóxica: desde o funcionamento dos modelos xerativos e as súas posibilidades e limitacións ata as aplicacións no ámbito da saúde mental, a detección temperá de riscos e os aspectos éticos, de privacidade e supervisión asociados ao uso destas ferramentas.
A primeira sesión, «IA e Transición Dixital en Psicoloxía: axencia humana, modelos xerativos e práctica profesional», celebrarase os días 16 e 17 de outubro. O programa continuará os días 30 e 31 de outubro coa masterclass «IA en Psicoloxía e Saúde Mental: do prompt á detección temperá de riscos», e os días 20 e 21 de novembro con «IA na práctica profesional en Psicoloxía: ferramentas, límites éticos e xestión de riscos».
A participación de profesionais e investigadores de ambos os territorios permitirá compartir perspectivas e experiencias arredor dun ámbito que está a transformar a práctica profesional e que presenta novas oportunidades, pero tamén importantes retos éticos e técnicos.
Construír respostas conxuntas para os retos da profesión

De esquerda a dereita: Gaspar Ferreira, Ricardo Fandiño Pascual, Sofía Ramalho e Mª Rosa Álvarez Prada
A creación do Observatorio e o impulso do ciclo formativo son dúas expresións complementarias dunha mesma aposta: reforzar a cooperación entre Galicia e o Norte de Portugal para promover unha Psicoloxía preparada para responder ás necesidades sociais e profesionais do presente e do futuro.
O Protocolo de Cooperación establece así unha base para desenvolver novas iniciativas de interese común, mantendo a autonomía de ambas as institucións e favorecendo unha relación continuada de traballo. Máis alá das actividades concretas, o acordo busca consolidar espazos de encontro nos que compartir coñecemento, identificar desafíos e impulsar melloras nas condicións de exercicio profesional.
Con esta colaboración, o COPG e a Ordem dos Psicólogos Portugueses afondan nunha relación que entende a proximidade entre os dous territorios como unha oportunidade para aprender xuntos, fortalecer a profesión e avanzar cara a contornas laborais máis saudables e sustentables.
