Destacado

Psicoloxía, IA e Transición Dixital
O Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia e a Delegación Rexional do Norte da Ordem dos Psicólogos Portugueses afondan na súa colaboración cun ciclo formativo sobre Psicoloxía, intelixencia artificial e transición dixital

O Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia (COPG) e a Delegación Rexional do Norte da Ordem dos Psicólogos Portugueses (OPP) continúan avanzando na súa colaboración cunha nova iniciativa conxunta centrada nun dos grandes retos aos que se enfronta actualmente a profesión: a incorporación da intelixencia artificial e a transformación dixital no ámbito da Psicoloxía.

No marco do acordo de colaboración establecido entre ambas as organizacións, o COPG e a Delegación Rexional do Norte da OPP puxeron en marcha o ciclo formativo «Psicoloxía, IA e Transición Dixital», unha proposta que nace co obxectivo de xerar un espazo compartido de formación, reflexión e intercambio de coñecemento entre profesionais da Psicoloxía de Galicia e do Norte de Portugal.

A iniciativa dá continuidade ao traballo desenvolvido nos últimos meses entre as dúas entidades, que identificaron a transición dixital e, especialmente, o impacto da intelixencia artificial na práctica psicolóxica como un dos ámbitos de interese común. Esta liña de colaboración xa estivera presente nos primeiros encontros entre o COPG e a Delegação Regional Norte da OPP e forma parte dos ámbitos de traballo recollidos no protocolo de cooperación asinado polas dúas organizacións.

O ciclo está composto por tres masterclass, nas que se aborda a chegada da intelixencia artificial á Psicoloxía desde diferentes perspectivas: desde o funcionamento dos modelos de IA xerativa e as súas posibilidades e limitacións ata as súas aplicacións na práctica profesional, o impacto na saúde mental, a detección temperá de riscos e as cuestións éticas, de privacidade e supervisión que acompañan o uso destas ferramentas.

A primeira das sesións, «IA e Transición Dixital en Psicoloxía: axencia humana, modelos xerativos e práctica profesional», celebraraseos días 16 e 17 de outubro, permitindo achegarse ao funcionamento dos modelos de intelixencia artificial e analizar o seu impacto na práctica profesional, prestando especial atención aos nesgos, riscos e límites dos seus resultados.

O programa continuará coas sesións «IA en Psicoloxía e Saúde Mental: do prompt á detección temperá de riscos», os días 30 e 31 de outubro, e «IA na práctica profesional en Psicoloxía: ferramentas, límites éticos e xestión de riscos», os días 20 e 21 de novembro.

Ao longo do ciclo participan profesionais e investigadores de Galicia e Portugal con experiencia nos ámbitos da intelixencia artificial, a Psicoloxía, a saúde mental e a transformación dixital, reforzando así o intercambio de coñecementos e experiencias que está no centro da colaboración entre ambas as entidades.

Unha colaboración que se concreta en novas iniciativas

O ciclo formativo constitúe un dos primeiros resultados concretos dunha colaboración que foi medrando desde os primeiros encontros institucionais entre o COPG e a Delegación Rexional do Norte da OPP e que posteriormente se consolidou coa sinatura dun protocolo de cooperación.

Esta cooperación ten unha vocación máis ampla e abrangue diferentes ámbitos de interese común, entre eles o intercambio de boas prácticas, a formación, a intervención psicolóxica ante situacións de pobreza e vulnerabilidade social, así como o autocoidado e o benestar das e dos profesionais.

A creación do Observatorio das Rexións do Norte de Portugal e Galicia para a Sustentabilidade Profesional da Psicoloxía, previsto no protocolo, representa outro dos principais froitos desta colaboración e permitirá analizar de maneira conxunta a realidade profesional nos dous territorios, producir coñecemento e impulsar propostas orientadas a favorecer unhas condicións de exercicio máis saudables e sustentables.

Deste xeito, o COPG e a DRN-OPP continúan construíndo unha relación baseada na proximidade xeográfica, cultural e profesional entre Galicia e o Norte de Portugal, promovendo espazos compartidos para aprender, investigar, intercambiar experiencias e afrontar conxuntamente os retos presentes e futuros da Psicoloxía.