O secretario e coordinador coa Sección de Psicoloxía e Saúde do Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia, José Berdullas Barreiro, analizou en GaliciaPress, La Voz de Galicia, a Cadena Ser e Nós Diario, o Plan Estratéxico de Saúde Mental de Galicia 2026-2030, que considera «un paso na dirección correcta», aínda que advirte do atraso acumulado durante décadas na atención á saúde mental en Galicia.
Entre as principais cuestións sinaladas polo COPG está a necesidade de incrementar o número de profesionais da Psicoloxía Clínica no sistema sanitario público. Galicia conta actualmente con arredor de 200 profesionais, fronte aos polo menos 330 que serían necesarios para aproximarse ás ratios recomendadas pola Organización Mundial da Saúde.
O Colexio valora especialmente a incorporación progresiva da Psicoloxía Clínica á Atención Primaria, que permitiría avanzar cara a unha atención máis próxima e precoz. Ao mesmo tempo, reclama maior concreción sobre a distribución entre Psiquiatría e Psicoloxía Clínica das novas prazas anunciadas no plan.
