Tres especialistas internacionais participarán o 23 de setembro nun webinar sobre como construír organizacións máis saudables e sostibles
A Sección de Psicoloxía do Traballo e das Organizacións do Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia (COPG) organiza o webinar «Novas formas de traballo e saúde laboral: cara a organizacións saudables e sostibles», que se celebrará en liña o mércores 23 de setembro, de 18:00 a 19:30 horas (CEST).
A expansión do traballo híbrido e remoto, a flexibilidade laboral, a dixitalización, as novas formas de emprego e a rápida incorporación de tecnoloxías emerxentes están a transformar profundamente o mundo do traballo. Estes cambios poden xerar novas oportunidades para mellorar a produtividade, a autonomía e a conciliación, pero tamén presentan novos retos para o benestar e a saúde psicolóxica das persoas traballadoras.
Neste escenario, o webinar analizará como adaptar o deseño e a organización do traballo ás novas realidades sen comprometer a saúde das persoas. A xornada prestará especial atención aos riscos psicosociais emerxentes, ao benestar laboral, á recuperación dos recursos persoais e ás estratexias que poden favorecer contornos de traballo máis saudables e sostibles.
O encontro contará coa participación de tres especialistas de recoñecido prestixio internacional, que achegarán perspectivas complementarias desde Portugal, o Reino Unido e Uruguai sobre como deseñar o traballo do futuro sen comprometer a saúde das persoas. Filipa Sobral, da Universidade Católica Portuguesa (Portugal), analizará o contexto de cambio no mundo do traballo e os principais desafíos que están a xurdir ante a transformación das formas de organización e desenvolvemento da actividade profesional. Ana Sanz-Vergel, da Norwich Business School da University of East Anglia (Reino Unido), centrarase na recuperación dos recursos persoais, un aspecto clave para comprender como as persoas poden preservar o seu benestar e afrontar as novas demandas do contorno laboral. Pola súa banda, Javier Labarthe-Carrara, da Universidad CLAEH (Uruguai), abordará o deseño de organizacións saudables, poñendo o foco nas estratexias e condicións organizativas que poden contribuír a crear contornos de traballo máis saudables e sostibles.
O webinar poderá seguirse en liña a través da plataforma ZOOM mediante unha ligazón habilitada para o público e compartida nos canais de habituais de comunicación do COPG. É gratuíto e terá unha duración aproximada dunha hora e media.
Máis información e inscricións: ver cartel adxunto.
