
Mª Begoña Castro Iglesias
A presenza estable de profesionais da psicoloxía nos centros educativos é unha medida clave para reforzar a prevención, a promoción do benestar emocional e a atención á comunidade educativa. Así o defende Begoña Castro, presidenta da Sección de Psicoloxía Educativa do Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia (COPG), nunha entrevista publicada por Magisnet, na que analiza os avances acadados en Galicia e os retos pendentes neste ámbito.
Castro valora positivamente o convenio asinado entre o COPG e a Xunta de Galicia para prestar apoio psicolóxico á futura Oficina de Apoio ao Profesorado e ao alumnado en situación de vulnerabilidade, ao considerar que supón un importante avance na atención á saúde mental da comunidade educativa. Con todo, lembra que aínda queda camiño por percorrer para ofrecer unha resposta integral ás necesidades dos centros.
A responsable da Sección de Psicoloxía Educativa sinala que Galicia debería avanzar cara a un modelo similar ao de Portugal, onde os profesionais da psicoloxía forman parte das estruturas estables dos centros escolares e desenvolven un labor preventivo e de apoio ao profesorado, ao alumnado e ás familias. Na súa opinión, esta presenza permitiría detectar de maneira temperá as dificultades emocionais e psicolóxicas e ofrecer unha intervención especializada antes de que os problemas se agraven.
Ademais, Begoña Castro destaca que incorporar psicólogas e psicólogos aos centros educativos contribuiría a garantir unha maior equidade no acceso á atención psicolóxica, evitando que esta dependa da capacidade económica das familias ou das limitacións dos recursos sanitarios. Neste sentido, insiste en que investir en prevención resulta máis eficaz que actuar cando os problemas xa están consolidados, unha reivindicación que o COPG vén defendendo desde hai anos.
