
Ricardo Fandiño Pascual
A sobreprotección parental pode limitar o desenvolvemento emocional, social e persoal da infancia se impide que nenos e nenas afronten as dificultades propias da súa idade. Así o explica Ricardo Fandiño, psicólogo especialista en psicoloxía clínica, membro da Asociación para a Saúde Emocional na Infancia e na Adolescencia (ASEIA) e vicedecano da Xunta de Goberno do Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia (COPG), nunha reportaxe publicada por La Voz de la Salud – La Voz de Galicia.
Fandiño sinala que é necesario diferenciar entre protexer ás crianzas dos perigos reais e facelo fronte á dificultade, á frustración ou ao erro. Segundo explica, estas experiencias forman parte do proceso natural de aprendizaxe e contribúen ao desenvolvemento da autonomía e das competencias necesarias para afrontar os retos da vida.
O psicólogo tamén chama a atención sobre unha realidade cada vez máis frecuente: mentres as familias tenden a limitar en exceso a autonomía dos seus fillos e fillas no día a día, existe unha menor supervisión dos riscos que afrontan no ámbito dixital. Esta «sobreprotección analóxica» convive cunha importante «desprotección dixital», que expón a infancia a perigos para os que, en moitos casos, non está preparada.
Entre as consecuencias da sobreprotección, Fandiño destaca o impacto na autoestima. Conseguir resolver situacións de maneira autónoma fortalece a confianza nas propias capacidades, mentres que a intervención constante das persoas adultas pode xerar dependencia e dificultar a maduración persoal e as relacións sociais.
Como recomendación, o especialista defende que as familias acompañen o proceso de crecemento sen anticiparse á resolución de todos os problemas. Aprender a equivocarse, tolerar a frustración e asumir responsabilidades forma parte do desenvolvemento saudable da infancia. Ademais, salienta o papel do ámbito educativo na detección destas dinámicas, xa que a escola constitúe un espazo fundamental para promover a autonomía dos nenos e nenas.
