
Eva Muiño Gómez
A conduta agresiva ao volante non implica un cambio na personalidade das persoas, senón unha resposta ás esixencias da condución e ás circunstancias emocionais de cada momento. Así o explica Eva Muíño, coordinadora do Grupo de Tráfico e Seguridade do Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia (COPG), nunha reportaxe publicada por La Voz de Galicia.
Segundo a psicóloga, durante a condución prodúcese un proceso de despersonalización polo que deixamos de ver persoas e percibimos unicamente vehículos ou obstáculos. Esta falta de empatía facilita interpretacións negativas sobre o comportamento doutras persoas condutoras e incrementa a probabilidade de reaccionar de maneira impulsiva ou agresiva.
Muíño subliña que a maior parte destas reaccións teñen unha explicación psicolóxica relacionada co autocontrol emocional, e non coa falta de coñecemento das normas de circulación. Neste sentido, destaca a importancia de desenvolver competencias como a regulación emocional, a reflexión e a empatía para mellorar a seguridade viaria e reducir as condutas de risco.
Como recomendación práctica, a nosa especialista aposta pola planificación das viaxes, o emprego de técnicas de respiración e relaxación e o exercicio consciente de poñerse no lugar das demais persoas usuarias da vía antes de responder de forma impulsiva.
