Destacado

O COPG recoñece a traxectoria de Irene Esperón Rodríguez e pon o foco na saúde mental infanto-xuvenil no II Simposio de Unión Profesional de Galicia

O Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia participou activamente no II Simposio de Innovación Tecnolóxica e Compromiso Social de Unión Profesional de Galicia, celebrado o pasado 20 de xuño en Santiago de Compostela. No marco desta cita, o Colexio promoveu un espazo de reflexión arredor da saúde mental da infancia e da adolescencia e realizou a entrega do Premio á Excelencia e Compromiso Profesional á psicóloga colexiada Irene Esperón Rodríguez, en recoñecemento á súa destacada traxectoria profesional.

Irene Esperón Rodríguez e Ricardo Fandiño Pascual

 

A entrega do galardón serviu para poñer en valor o compromiso e a contribución de Irene Esperón Rodríguez á Psicoloxía, recoñecendo a súa dedicación e o seu labor ao longo da súa carreira profesional: especialista en Psicoloxía Clínica, desenvolveu gran parte da súa carreira no Servizo Galego de Saúde, con especial dedicación aos ámbitos da interconsulta e enlace e dos coidados paliativos. Ao longo da súa vida profesional combinou a práctica clínica coa docencia e a formación de profesionais sanitarios, destacando tamén polo seu compromiso coa bioética, a humanización da asistencia sanitaria e a defensa dunha atención centrada na persoa e na súa dignidade.

 

 

Mesa «Saúde mental infanto-xuvenil»

 

 

Previamente, no programa do Simposio, o COPG organizou a mesa redonda «Saúde Mental Infanto-Xuvenil», un espazo de análise e debate sobre os principais retos que afronta a atención psicolóxica á infancia e á adolescencia. A mesa estivo coordinada por Ricardo Fandiño Pascual, vicedecano do COPG, e contou coa participación de Concepción Estévez Villar, presidenta de ASEIA; Mariano Carrero Moure, psicólogo clínico, e César Fernández Riádigos, vogal da Xunta de Goberno de ADDIGA.

 

 

Ao longo do encontro abordáronse diferentes perspectivas sobre a saúde mental infanto-xuvenil, incidindo na importancia da prevención, da detección temperá e da coordinación entre os ámbitos sanitario, educativo e social para ofrecer unha atención integral ás necesidades da infancia e da adolescencia.

De esquerda á dereita: Mariano Carrero Moure, Concepción Estévez Villar, César Fernández Riádigos e Ricardo Fandiño Pascual

 

Con esta participación, o Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia reafirma o seu compromiso coa promoción do debate profesional e social sobre os desafíos actuais da saúde mental, ao tempo que recoñece a excelencia e o compromiso das persoas colexiadas que contribúen ao avance da profesión.