Grupos

O COPG súmase á conmemoración do 16 de xuño, Día Nacional da Atención Temperá

Coincidindo co 16 de xuño, Día Nacional da Atención Temperá, o Grupo de Atención Temperá da Sección de Psicoloxía Educativa do Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia quere contribuír á visibilización desta área de intervención e do papel esencial que desempeñan os psicólogos e psicólogas no acompañamento ao desenvolvemento infantil e ao benestar das familias.

Con este motivo, elaborouse un novo tríptico divulgativo sobre as funcións dos profesionais da psicoloxía na Atención Temperá, co obxectivo de dar a coñecer a súa achega específica dentro dos equipos interdisciplinares que traballan coa infancia de 0 a 6 anos.

A Atención Temperá engloba actuacións de prevención, detección, avaliación e intervención dirixidas a nenos e nenas que presentan dificultades no desenvolvemento ou situacións de risco, así como ás súas familias e contornas. A evidencia científica amosa que unha actuación precoz e especializada pode ter un impacto significativo no desenvolvemento infantil, favorecendo o benestar emocional, a inclusión e a participación nos diferentes contextos da vida cotiá.

O tríptico recolle as principais funcións dos psicólogos e psicólogas neste ámbito, entre as que destacan a prevención de posibles dificultades no desenvolvemento, a avaliación e o diagnóstico psicolóxico, a intervención terapéutica individualizada, o apoio e asesoramento ás familias, a coordinación con outros profesionais e institucións, así como a investigación e a formación continuada. Todo isto desde unha perspectiva integral centrada no menor, a súa familia e os seus contextos naturais de desenvolvemento.

Neste contexto, este material pretende contribuír a unha mellor comprensión da Atención Temperá e do valor engadido que achega a psicoloxía na promoción do desenvolvemento infantil, a detección precoz de necesidades e o acompañamento ás familias durante unha etapa especialmente relevante para o futuro dos nenos e nenas.

Con esta iniciativa, o COPG, a través do Grupo de Atención Temperá da Sección de Psicoloxía Educativa, reafirma o seu compromiso coa promoción do desenvolvemento saudable, a prevención, a inclusión e a mellora da atención á infancia, destacando a importancia de contar con profesionais da psicoloxía especializados nos diferentes recursos e servizos de Atención Temperá.

 

 

Podes acceder ao tríptico premendo no seguinte enlace: Tríptico «Funcións dos psicólogos e psicólogas na Atención Temperá»

Tríptico divulgativo sobre as funcións dos profesionais da psicoloxía na Atención Temperá