A Sección de Psicoloxía Educativa do Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia celebrou o pasado 10 de abril o curso “Non hai benestar sen benestar dixital. Claves para a promoción do uso seguro e saudable da tecnoloxía dende o eido educativo”, en modalidade presencial e en liña.
A actividade, coordinada por Ana Belén Montesa Lou, vicepresidenta da Sección, contou coa participación do psicólogo Antonio Rial Boubeta, experto en ciberconvivencia e benestar dixital, membro do Alto Comisionado da UNESCO e integrante do grupo da Consellería de Educación para a elaboración do Plan de Benestar Dixital de Galicia.
O curso abordou, desde unha perspectiva baseada na evidencia, o impacto do uso da tecnoloxía na infancia e adolescencia, así como estratexias para a súa promoción segura e saudable no contexto educativo e as liñas de traballo emerxentes en materia de benestar dixital.