O venres 22 de maio tivo lugar a Gala da Psicoloxía Galega 2026 “Achegas da Psicoloxía” na Casa Museo de Rosalía de Castro (Padrón, A Coruña), que supuxo, como cada ano, un encontro para os profesionais: unha celebración da profesión e unha oportunidade de reiterar a importancia do papel que cumpre a psicoloxía en todos os eidos da sociedade.
Este ano, o Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia concedeu o galardón Dolores Llópiz: Psicoloxía e Sociedade, co obxectivo distinguir á persoa, institución ou asociación que teña contribuído ao desenvolvemento da profesión; a Asociación Galega para a Defensa da Sanidade Pública, en recoñecemento ao seu destacado e sostido labor na defensa dun sistema sanitario público, universal, equitativo e de calidade ao servizo de toda a cidadanía.
Neste acto tivo lugar tamén a entrega dos recoñecementos a aquelas psicólogas e psicólogos que contribuíron á profesión desde os seus inicios a través do desenvolvemento do Colexio así como da defensa da psicoloxía. Son compañeiros e compañeiras que puxeron os cementos do Colexio, que entregaron tempo, coñecemento e implicación a construír e imaxinar a psicoloxía de hoxe e de mañá e como o Colexio podía servir mellor á sociedade e aos psicólogos e psicólogas galegas.
Francisco Blanco Romero, colexiado número G- 1234, en especial polo seu rigor ético co que actúa e a sensibilidade psicolóxica coa que comprende ás persoas. O seu compromiso non só guía decisións, senón que tamén crea confianza, humanidade e respecto ao seu arredor.
Manuela del Palacio García, colexiada número G-3628, polo seu firme compromiso pola defensa da psicoloxía educativa no sistema educativo e pola aposta do benestar psicolóxico da infancia e adolescencia na escola, porque no seu traballo hai algo máis ca moitas horas dedicadas: hai escoita, acompañamento e a convicción de que educar é tamén coidar e axudar a medrar, no físico e no emocional, aos nenos, ás nenas e adolescentes.

Posteriormente, o COPG entregou o seu habitual recoñecemento ás colexiadas e colexiados que suman 25 anos no Colexio, coa intención de visibilizar, celebrar e reivindicar o seu compromiso coa psicoloxía e a súa contribución á historia do Colexio.
































