Comisións

A Comisión Intersectorial da Infancia e a Adolescencia do COPG celebra a súa primeira xuntanza

A Comisión Intersectorial da Infancia e a Adolescencia do Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia (COPG) celebrou o pasado 3 de marzo a súa primeira xuntanza, dando inicio ao traballo deste novo espazo de coordinación profesional centrado na promoción do benestar e a protección das persoas menores de idade.

A creación desta comisión responde á necesidade de articular unha resposta profesional coordinada e integral ante os retos que afectan á infancia e á adolescencia no contexto actual. A iniciativa integra representación das seccións de Psicoloxía e Saúde, Psicoloxía Educativa, Psicoloxía da Intervención Social e Psicoloxía Xurídica, co obxectivo de favorecer unha visión transversal e baseada na evidencia científica.

A Comisión nace como un espazo de reflexión, análise e proposta orientado á elaboración de recomendacións profesionais, accións formativas e iniciativas de sensibilización, así como á interlocución con administracións públicas e outros axentes implicados na atención á infancia e á adolescencia.