Os días 24 e 25 de febreiro celebrouse a oitava edición de Tempo da Psicoloxía, que levou por título «Unha ollada sobre pobreza e saúde mental». O evento, organizado conxuntamente pola Facultade de Psicoloxía e o Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia, contou cunha conferencia e dúas mesas redondas nas que se abordou a relación entre as condicións socioeconómicas e o benestar psicolóxico.

Día da Psicoloxía Académica na Facultade de Psicoloxía da USC
A conferencia inaugural tivo lugar o 24 de febreiro baixo o título «Estigma, saúde mental, pobreza e exclusión social: todo á vez en todas partes», impartida por Manuel Muñoz López, catedrático da área de Personalidade, Avaliación e Tratamento Psicolóxicos da Universidade Complutense de Madrid e director da Cátedra institucional UCM-Grupo 5 Contra o Estigma. Na súa intervención analizou a intersección entre pobreza, exclusión social e saúde mental, subliñando o papel do estigma como un factor que agrava estas situacións e dificulta a inclusión social das persoas afectadas.

Mesa «Saúde mental e pobreza: unha viaxe de ida e volta» en Tempo da Psicoloxía 20026
A programación continuou o 25 de febreiro cunha primeira mesa titulada «Saúde mental e pobreza: unha viaxe de ida e volta». Nela participaron Ricardo Fandiño, vogal da Xunta de Goberno do COPG e coordinador xeral de ASEIA (Asociación para a Saúde Emocional da Infancia e da Adolescencia), e Alexandre Teixeira, membro da Ordem dos Psicólogos Portugueses e coordinador do Centro do Porto da Associación CAIS, para persoas en situación de risco ou exclusión social, quen reflexionaron sobre a relación bidireccional entre a precariedade socioeconómica e a saúde mental; destacando como ambas dimensións poden influírse mutuamente e perpetuar situacións de vulnerabilidade.

Palestra sobre saúde mental e pobreza en Tempo da Psicoloxía 2026
A xornada concluíu cunha mesa redonda na que interviñeron profesionais de distintos ámbitos da intervención social e da saúde mental: Aarón Argudo Palacios, subdirector de ALUME; Beatriz Gómez Gómez, traballadora social no SERGAS; Ana Pardo Fernández, presidenta da sección Galicia da Rede Europea contra a pobreza e a exclusión social (EAPN), traballadora social; e Adrián Varela, técnico de atención integral de saúde mental da Federación de Asociacións de Familiares e Persoas con Enfermidade Mental de Galicia (FEAFES Galicia). Durante o encontro compartiron experiencias e reflexións sobre os retos que supón abordar a saúde mental en contextos de pobreza e exclusión social, así como a importancia da coordinación entre servizos sociais, sanitarios e entidades do terceiro sector.
A través das distintas intervencións, esta nova edición de Tempo da Psicoloxía puxo de relevo a complexa relación entre pobreza e saúde mental, incidindo na necesidade de abordar estes fenómenos desde unha perspectiva interdisciplinar e con políticas que teñan en conta os determinantes sociais do benestar psicolóxico.
Podes ver a xornada ao completo na canle de Tempo da Psicoloxía en Youtube:
