A oitava edición de Tempo da Psicoloxía desenvolverase os días 24 e 25 de febreiro baixo o título «Unha ollada sobre pobreza e saúde mental», a través dunha conferencia e dous mesas organizadas conxuntamente entre o Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia e a Facultade de Psicoloxía. Como nas anteriores edicións, a actividade estará aberta a todo o público interesado, con carácter gratuíto, e poderá seguirse de xeito presencial no Salón de Actos da Facultade de Psicoloxía, así como en liña vía streaming a través da web https://tempodapsicoloxia.gal, onde tamén é posible realizar a inscrición.
A programación dará comezo o martes 24 de febreiro coa conferencia académica titulada «Estigma, saúde mental, pobreza e exclusión social: todo á vez en todas partes», que será impartida por Manuel Muñoz López, catedrático da área de Personalidade, Avaliación e Tratamento Psicolóxicos da Universidade Complutense de Madrid e director da Cátedra institucional UCM-Grupo 5 Contra o Estigma. Nesta intervención abordarase a intersección entre pobreza, exclusión social e saúde mental, así como o papel do estigma como factor agravante destas realidades.
A primeira palestra centrarase no impacto da pobreza sobre a saúde mental e terá lugar o mércores 25 de febreiro a partir das 18.00 horas. A primeira mesa, titulada «Saúde mental e pobreza: unha viaxe de ida e volta», contará coa participación de Ricardo Fandiño, membro da Xunta de Goberno do COPG, e Alexandre Teixeira, membro da Ordem dos Psicólogos Portugueses, quen reflexionarán sobre a relación bidireccional entre a precariedade socioeconómica e o benestar psicolóxico.
Para pechar a xornada, celebrarase unha mesa redonda na que intervirán profesionais de distintos ámbitos da intervención social e da saúde mental: Aarón Argudo Palacios, subdirector de ALUME; Beatriz Gómez Gómez, traballadora social no SERGAS; Ana Pardo Fernández, presidenta da sección Galicia da Rede Europea contra a Pobreza e a Exclusión Social (EAPN) e traballadora social; e Adrián Varela, técnico de atención integral de saúde mental da Federación de Asociacións de Familiares e Persoas con Enfermidade Mental de Galicia (FEAFES Galicia).
A pobreza é un dos principais determinantes sociais da saúde mental, ao incrementar o risco de malestar psicolóxico, exclusión social e dificultade no acceso a recursos de apoio. Ao mesmo tempo, os problemas de saúde mental poden perpetuar situacións de precariedade, xerando un círculo difícil de romper. Desde distintas perspectivas académicas, profesionais e institucionais, esta nova edición de Tempo da Psicoloxía busca fomentar a reflexión e o debate arredor desta problemática complexa e de grande impacto social.
