Destacado

redes sociais copg
O COPG consolida e amplía a súa presenza en redes sociais para achegar a súa información institucional

Máis de 17.000 persoas seguen algún dos perfís dos Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia en redes sociais como parte da súa estratexia de comunicación dixital, coa finalidade de mellorar a proximidade coa colexiación, aumentar a difusión da psicoloxía na sociedade galega e reforzar o papel institucional do Colexio como referente profesional. Esta presenza múltiple facilita o acceso á información, á participación e ao diálogo con profesionais e cidadanía.

Na actualidade, o COPG mantén actividade nas plataformas Facebook, Instagram, X, LinkedIn, YouTube, Bluesky e WhatsApp, canles que permiten adaptar os contidos a públicos diversos e a diferentes obxectivos comunicativos: información institucional, divulgación, sensibilización social, promoción da formación continua e visibilización do labor profesional da psicoloxía.

A presenza dixital do COPG supera actualmente as 17.000 persoas subscritas ou seguidoras nas distintas plataformas. A súa distribución reflicte unha comunidade ampla e consolidada: Facebook concentra o 40 %, seguido de X, co 24,9 %, o que confirma o peso destas plataformas como principais canles de difusión institucional. Instagram representa o 19 % da comunidade dixital, mentres que LinkedIn supón o 12 %, consolidándose como un espazo relevante para a proxección profesional e institucional do Colexio. A canle de WhatsApp representa xa o 2,6 % da comunidade dixital e configúrase como unha ferramenta estratéxica de comunicación directa e inmediata. Pola súa banda, as canles YouTube (1,2 %) e a máis recente, Bluesky (0,5 %) funcionan como soportes complementarios.

A presenza en redes sociais permite ao COPG ofrecer unha comunicación máis áxil, directa e accesible, facilitando o acceso inmediato a información relevante: actividades formativas, xornadas e congresos, comunicados oficiais, campañas de sensibilización, posicionamentos institucionais e recursos de interese para a práctica profesional.

Estas canles constitúen tamén unha ferramenta clave para achegar a psicoloxía á cidadanía, difundindo contidos divulgativos rigorosos, promovendo o coidado da saúde mental e contribuíndo á loita contra o estigma asociado aos problemas psicolóxicos. Con esta aposta pola presenza dixital, o COPG reafirma o seu obxectivo de estar máis preto da colexiación e da cidadanía, contribuíndo a unha maior visibilidade social da psicoloxía e ao reforzo do seu papel como axente activo na promoción da saúde mental en Galicia e da accesibilidade á psicoloxía.