Comisións

A Comisión para a Defensa da Profesión salienta que a colexiación é só o primeiro paso para loitar contra o intrusismo

É imprescindible coñecer o propio ámbito de cualificación e exercer con rigor ético.

Desde a CDP queremos lembrar que, se ben a colexiación é unha garantía de que se conta coa titulación de Psicoloxía e de compromiso co Código Deontolóxico, cada profesional ten a responsabilidade de saber cal é o ámbito de actuación para o que está cualificado/a. Dependendo da especialización, existen requisitos específicos que se deben cumprir, como o número de rexistro sanitario na Psicoloxía Xeral Sanitaria, por exemplo.

A nosa ética profesional obríganos a saber cando podemos ser útiles á persoa que acude a nós, e cando debemos derivar  a outro colega.

Obríganos tamén á formación continuada, a basear a nosa práctica na evidencia científica, e a definir o ámbito, dentro da nosa cualificación, no que podemos actuar con garantía de cara á persoa usuaria.

As acreditacións de experto/a en diversos campos da Psicoloxía que outorga o Consejo General de la Psicología, previa avaliación da formación e a experiencia da persoa solicitante, tamén orientan ás persoas usuarias sobre o perfil de especialización profesional.

Tamén lembramos que se mantén aberta a breve enquisa para coñecer prácticas vencelladas ao intrusismo profesional e á proliferación de pseudociencias no noso entorno. Podes acceder a ela aquí.

Mentres, seguimos a recibir casos de posible intrusismo na Comisión, e xa van 21 neste ano.

Se consideras que se está a cometer intrusismo profesional na psicoloxía, podes comunicalo ao COPG, aportando todos os datos posibles para o estudo correspondente.  O COPG actúa de oficio para garantir a confidencialidade dos datos da persoa informante.

A túa saúde mental non é un xogo.