O Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia expresa a súa fonda preocupación pola situación crítica que atravesa o sistema de protección de menores en Galicia. Trátase dunha realidade amplamente denunciada por profesionais, organizacións sociais e medios de comunicación, que supón unha vulneración sistemática dos dereitos da infancia e da adolescencia.
A recente incapacidade recoñecida pola Consellería de Política Social para acoller os 317 menores migrantes non acompañados propostos no reparto do Ministerio de Infancia e Xuventude evidencia a sobresaturación dun sistema que, segundo a propia Administración autonómica, xa opera por riba das súas posibilidades.
Desde os equipos profesionais que traballan neste ámbito percíbese un sistema colapsado, infradotado e sen planificación axeitada, que deixa sen protección a menores en situación de risco e non garante unha atención adecuada a aqueles que xa están tutelados.
A pesar do aumento das situacións de risco e desamparo detectadas polos equipos técnicos, os recursos humanos e materiais non se teñen adaptado á demanda crecente. Isto deriva en listas de agarda para a avaliación de casos, atrasos inxustificables nas intervencións e unha atención insuficiente e desigual, dependendo do territorio.
As entidades que xestionan recursos residenciais tamén alertan da escaseza de prazas dispoñibles e do ingreso de menores con problemáticas cada vez máis complexas, sen contar cos equipos nin os apoios especializados necesarios para atendelos con garantías.
Este panorama é consecuencia directa dunha escasa vontade política e institucional por parte da Administración galega para priorizar a atención á infancia. A falta dunha estratexia integral, a escasa coordinación entre servizos e a precariedade dos equipos técnicos —con profesionais da psicoloxía sobrecargados, sen estabilidade e sen marxe para a intervención terapéutica— agravan unha situación xa de por si crítica.
Desde o COPG, como entidade comprometida coa defensa dos dereitos da infancia e da adolescencia, esiximos unha revisión profunda e urxente do modelo de protección, baseada nun enfoque preventivo, comunitario e centrado nas persoas menores. É imprescindible reforzar os equipos multidisciplinares cun número suficiente de profesionais, entre eles psicólogos e psicólogas, con condicións laborais dignas, tempo e medios para unha intervención de calidade.
Demándase tamén un incremento real dos recursos públicos que permita garantir prazas suficientes, alternativas familiares axeitadas e apoio especializado continuado. Estas medidas deben integrarse nunha estratexia para a infancia e a adolescencia, dotada orzamentariamente e co liderado compartido entre administracións, profesionais e entidades do terceiro sector.
As nenas e nenos baixo protección non son cifras nin expedientes. Son persoas cuxo desenvolvemento emocional, físico e social está en xogo. Non podemos seguir mirando para outro lado mentres un sistema colapsado deixa sen resposta a quen máis o precisa.