
Carmen Villar, gañadora do IV Premio Xoán Vicente Viqueira, en Xornalismo

Gema Zunzunegui, gañadora do IV Premio Xoán Vicente Viqueira, na categoría de Comunicación
A cuarta edición dos Premios Xoán Vicente Viqueira, que convoca o Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia, xa ten gañadoras. A psicóloga Gema Zunzunegui Lamas foi a merecedora do galardón na categoría de Comunicación, polo seu artigo “Referentes para identificar. Espazos para nomear. Acompañamentos para curar”, publicado no xornal online Praza Pública. Na categoría de Xornalismo, o xurado escolleu a reportaxe “La comunidad sigue sin tocar techo en el uso de antidepresivos: un 52% más en 10 años”, publicada no xornal Faro de Vigo pola xornalista Carmen Villar.
O xurado destacou, no caso do artigo da psicóloga, a súa reflexión honesta e poética sobre as violencias sexuais e o cambio social na súa narrativa, situando o sufrimento emocional nunhas coordenadas sociais, históricas e afectivas, mentres o relaciona coa abordaxe psicoterapéutica, tecendo referencias desde o feminismo e o comunitario.
En canto á reportaxe de Carmen Villar, o xurado resaltou a súa abordaxe dunha problemática estrutural como é o modelo de atención á saúde mental, no que se prioriza a abordaxe farmacolóxica en detrimento da intervención psicoterapéutica, dificilmente accesible no sistema público de saúde. A xornalista propón alternativas sen caer no alarmismo, dando voz a fontes expertas, o que o convirte nun exemplo da función de servizo público do xornalismo.
Ademais, o xurado decidiu outorgar unha mención especial ao texto da xornalista Ana González Liste “Menos recursos emocionais, máis autoesixencia: a mocidade pide referentes para abordar a saúde mental”,

Ana González Liste, mención especial na categoría de Xornalismo
publicado en Praza Pública. A través de fontes expertas da Psicoloxía, aborda o incremento do sufrimento emocional e do malestar psicolóxico da xeración moza, contextualizando as causas estruturais que sosteñen esta situación, como é a falta de recursos de atención á saúde mental ou a autoesixencia alimentada polas redes sociais, e propón unha reflexión sobre a necesidade de crear espazos de coidado e acompañamento emocional.
Os premios están dotados con 2.000 euros en cadansúa categoría. A entrega dos galardóns realizarase o vindeiro 6 de xuño en Santiago de Compostela, no marco do acto institucional Achegas da Psicoloxía.
O premio
Esta é a cuarta edición dos Premios Xoán Vicente Viqueira, creados polo COPG en colaboración coa aseguradora Brokers’99, para homenaxear a un dos maiores referentes da historia da psicoloxía en Galicia. Vicente Viqueira era un psicólogo e filósofo galego cunha gran preocupación sobre o ensino da psicoloxía, chegando a deseñar un plan de desenvolvemento desta ciencia tras coñecer o modelo alemán. A súa precoz morte impediu que puidese profundar nese impulso á psicoloxía no noso país, que sempre tivo presente. Alén, Viqueira trasladaba as súas inquedanzas sociais no xornal A Nosa Terra, por exemplo, en relación á modernización e á galeguización do ensino.
Tomando o seu exemplo como científico e comunicador, o obxectivo destes Premios é recoñecer o labor divulgativo da psicoloxía nos medios de comunicación, primando a ética, a responsabilidade e as boas prácticas ao tempo que se desmenten pseudociencias e pseudoterapias. Así, o Premio de Comunicación pretende recompensar aos psicólogos e psicólogas colexiadas no COPG que colaboren de forma frecuente e continuada cos medios de comunicación co obxectivo de divulgar a profesión na sociedade desde o rigor, a ética e a vocación de servizo público. O Premio Xornalístico está dirixido a xornalistas que publicasen algún traballo en relación coa psicoloxía seguindo estas mesmas consideracións.