O Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia (COPG) participou o 28 de marzo nunha reunión convocada pola Consellería de Sanidade xunto aos colexios profesionais de medicina e enfermaría, coa finalidade de avanzar na revisión e mellora dos protocolos de actuación fronte ás agresións. O encontro enmárcase na constitución do terceiro grupo de traballo que aborda a problemática da violencia externa no Servizo Galego de Saúde.
En representación do COPG asistiu o vogal da Xunta de Goberno, José Berdullas Barreiro, quen trasladou a visión e achegas da profesión psicolóxica ante unha cuestión tan sensible e preocupante. Desde o Colexio, valorouse positivamente a proposta da Consellería de Sanidade de crear un Rexistro galego único de actos de violencia externa, ferramenta que permitirá unha análise máis rigorosa da situación e a elaboración de medidas preventivas máis axustadas á realidade.
O COPG puxo o acento na importancia de incorporar unha perspectiva psicolóxica transversal tanto nos protocolos de prevención como nas actuacións de acompañamento ás persoas afectadas. Neste sentido, destacouse a necesidade de garantir apoio psicolóxico especializado inmediato ás vítimas de agresións, así como formación ao persoal sanitario para a xestión emocional en situacións de tensión ou conflito.
Ademais, o Colexio acolleu con interese a modificación en curso da Lei de Saúde de Galicia, orientada a reforzar a protección do persoal da sanidade pública, e ofreceu a súa colaboración activa na revisión normativa e na actualización dos protocolos de actuación.
O Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia reitera o seu compromiso coa defensa do benestar e a seguridade dos e das profesionais do sistema sanitario galego, e seguirá traballando en colaboración coas institucións para previr calquera forma de violencia no exercicio profesional.