Destacado

O consumo de pornografía en menores protagoniza «Tempo da Psicoloxía»

A sétima edición de Tempo da Psicoloxía desenvolverase os días 20 e 21 de febreiro, que leva por título «Unha ollada sobre o consumo precoz de pornografía», a través dunha palestra e unha conferencia organizadas conxuntamente entre a Facultade de Psicoloxía e o Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia. Como é habitual, estará aberto a todo o público interesado, con carácter gratuíto, e poderá seguirse de xeito presencial no Salón de Actos da Facultade de Psicoloxía así como en liña, a través da web https://tempodapsicoloxia.gal, para o que podes inscribirte neste enlace.

A palestra principal que reflexionará sobre o consumo de pornografía por parte de menores será o día 20 de febreiro e comezará ás 18.00 horas, cunha duración estimada de 90 minutos. Moderada pola xornalista Marga Tojo, que contará coa participación de:

O primeiro contacto coa pornografía prodúcese, de media, aos 8 anos de idade, e xeralízase aos 14. A falta dunha educación sexual e afectiva, xunto  con este consumo en idades moi temperás, impacta no seu desenvolvemento emocional, psicolóxico e social. Por este motivo, desde o Goberno considérase prioritaria a protección dos e das menores fronte ao acceso á pornografía online e o grave impacto que ten, se ben a día de hoxe, aínda non se aplicaron medidas concretas.

A distorsión da realidade sobre a sexualidade e as relacións, o risco de comportamentos sexuais problemáticos ou violentos, así como o impacto negativo na súa educación sexual, son algunhas das consecuencias deste consumo, que se tentará abordar dende as distintas ópticas para reflexionar sobre a cuestión.

Rematará o venres 21, no marco da conmemoración do Día da Psicoloxía Académica, coa conferencia «Consumo de pornografía na infancia e na adolescencia: consecuencias a nivel afectivo e social» que será impartida por Berta Aznar-Martínez, doutora en Psicoloxía da Educación e profesora na Universidade Ramón Llull, onde é coordinadora do Máster en prevención, detección e intervención de la violencia sexual desde unha perspectiva interdisciplinar.