O 25 de novembro, no marco do Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres, celebrouse un acto institucional no salón de plenos do Concello de Marín. O evento, cargado de emoción, tivo como obxectivo visibilizar e reforzar o compromiso da comunidade para erradicar a violencia de xénero.
Durante o acto, representantes municipais e membros da sociedade civil compartiron reflexións sobre a importancia de seguir avanzando na concienciación e na educación para previr este tipo de violencias.
O Concello de Marín decidiu por unanimidade outorgar o Premio Municipal “Lazo Violeta” do ano 2024 á Quenda de Garda Psicolóxica Especializada e Permanente para mulleres e os seus fillos e fillas menores, afectados/as por violencia de xénero na Comunidade Autónoma de Galicia, da Consellería de Política Social e Igualdade da Xunta de Galicia en colaboración co Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia. Destacan o labor e dedicación na atención urxente en casos de violencia de xénero e a inestimable coordinación cos servizos que traballan neste campo.
A coordinadora e o coordinador da Quenda de Garda Psicolóxica Especializada en Violencia de Xénero pronunciaron unhas emotivas palabras: «Chegamos aquí sostendo emocións moi grandes. Por unha banda, a profunda tristeza de continuar sendo testemuñas do impacto inasumible da violencia machista e, ao mesmo tempo, moi felices e moi agradecidos por este fermoso recoñecemento.
Condenamos a violencia e celebramos todo o que este lazo violeta trae á luz: o compromiso e a sensibilidade dun Concello (Marín) e de toda a súa xente; o compromiso dun colexio profesional que é consciente da súa responsabilidade co ben común e co coidado mutuo; e o traballo incansable, impecable e comprometido dos compañeiros e compañeiras que participan.
Este lazo é o corazón valente que late forte en todos nós para visibilizar e reclamar o dereito das persoas afectadas pola violencia machista a recibir unha atención integral, humana e comprometida».
Desde o Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia, queremos subliñar a relevancia destas iniciativas para sensibilizar á sociedade e fomentar espazos seguros. A atención psicolóxica xoga un papel fundamental no apoio ás vítimas e no traballo para a construción dunha sociedade máis xusta e igualitaria.