Seccións

«As nosas emocións son as principais responsables da nosa resposta ao conflito»
Ana María Ulloa Lage

Sen emocións non hai mediación. Esta aseveración dálle título a un dos obradoiros que acollerá este sábado 1 de outubro a Facultade de Psicoloxía da USC, no marco das I Xornadas de Psicoloxía Educativa do COPG. Ana María Ulloa Lage, vicepresidenta da Sección de Psicoloxía Educativa e orientadora nun IES, cunha ampla experiencia en programas de mediación no contexto educativo, será a responsable de desenvolver este obradoiro.

É posible inscribirse nas últimas prazas dispoñibles, tes toda a información na web

Cales serán as principais contribucións para as persoas do seu obradoiro?

A intención é darse de conta da importancia do papel das emocións ao xestionar os conflitos mediante a mediación, xa que as emocións e o conflito están totalmente interrelacionados. As nosas emocións son as principais responsables da nosa resposta ao conflito. O mediador ou mediadora ten que reflectir as emocións, recoñecelas e facer saber ás persoas que nos percatamos do que lles ocorre.

De acordo coa súa traxectoria profesional, en que situación se atopa a mediación implantada dentro do sistema educativo?

Nos plans de convivencia, os centros educativos poderán contemplar a mediación como estratexia preventiva, resolutiva e reparadora na xestión de calquera conflito entre membros da comunidade educativa. A implantación dun Programa de Mediación require unha formación do equipo de Mediación, dos mediadores ou mediadoras. Na actualidade non en todos os centros hai implantados programas de mediación. Debería ser obrigatorio en todos os centros educativos un equipo de persoas cualificadas no desenvolvemento da mediación.

Nunca tivo tanta presenza a saúde mental no debate público como neste momento.  Que podería contribuír a psicoloxía dentro do sistema educativo?

Os psicólogos e psicólogas educativas son os profesionais máis cualificados para traballar cos membros da comunidade educativa na mellora dos aspectos asociados á saúde condutual, social e emocional. E os máis cualificados para intervir en situacións de crise. Por todo iso, cómpre dicir que a presenza do psicólogo ou psicóloga nos centros educativos favorecería a saúde mental de todos os membros, presenza que se fai imprescendible nos tempos de hoxe.

Spread the love
Ana María Ulloa Lage
Ana María Ulloa Lage impartirá o obradoiro "Sen emocións non hai mediación"